O BNG pide á CRTVG que suprima a publicidade sobre o xogo en toda a grella da súa programación

Noa Presas
Noa Presas

Presas pide “ser ambiciosas” nesta cuestión e valora a intención do ente público de poñer fin a calquera anuncio que promova o xogo e as apostas

O BNG levou á Comisión de control da CRTVG a proposta de que o ente público suprima calquera tipo de publicidade relacionada co xogo e coas apostas, tendo en conta que se trata dunha cuestión que está pasando a ser un problema social importante, cunha forte incidencia entre a xente nova.

“Traemos unha serie de medidas de impulso coa vista posta na mellora dos contidos da RTVG e na atención a un dos problemas crecentes na sociedade galega: o xogo”, salientou a deputada Noa Presas, quen tamén salientou que o propio goberno da Xunta está elaborando unha lei do xogo que prevé “prohibir este tipo de publicidade en todos os soportes agás o papel”.

Esa é, cando menos, a información previa facilitada pola Comisión do Xogo de Galiza, en relación ao borrador do futuro texto lexislativo, “que permitirá actualizar o marco normativo en vigor desde hai case 30 anos”.  En todo caso, o Bloque considera que a CRTVG debe botar man da súa capacidade de autorregulación para tomar a iniciativa e adiantarse a esa futura prohibición, suprimindo de motu propio de toda a súa grella a publicidade que mantén sobre o xogo.

“Neste asunto temos que ser ambiciosas”, recalcou Presas, quen valorou a intención expresada pola dirección da televisión pública de retirar esa publicidade de toda a súa programación.

A CRTVG ten aprobado as normas reguladoras da comunicación comercial audiovisual emitida a través das súas canles e servizo conexos e interactivos, cuxo artigo 36 recolle “non emitir en horario de protección da infancia comunicacións comerciais audiovisuais ou autopromocións de actividades de xogo”. Pero non o prohibe nas demais faixas horarias, “e pensamos que estamos nuns niveis de alarma suficientes como para reconsiderar este aspecto”, argumentou Presas.

Igualmente, no capítulo VII regúlanse outros aspectos vinculados á publicidade relacionada co xogo relativos á exixencia do título habilitante que autorice a realización desa comunicación comercial (artigo 56), ao cumprimento dos principios de responsabilidade social (artigo 57), a obriga de incluír mensaxes de loita contra a adición (artigo 58), ou a protección das e dos menores (artigo 59).

“O marco está aí e pensamos que toca espremelo, ademais de que os exemplos e os pasos dados por outras televisións públicas deben facernos pensar se temos que mover ficha”, indicou Presas, en relación ao feito de que a canle pública vasca e catalá, -EiTB e TV3-, acordaron prohibir a publicidade sobre apostas, agás excepcións como a lotaría tradicional, en todas as franxas horarias e en todas as súas canles.

Mesmo no caso da EiTB negociarán con outras entidades para reducir a publicidade estática nas emisións, por exemplo, nos partidos de fútbol. No caso de TV3 a decisión partiu en primeira instancia dunha resolución aprobada no Parlament e dun informe relativo ao impacto da publicidade de apostas sobre a poboación, especialmente a máis vulnerábel.

“A proposta do BNG é que se suprima de toda a grella a publicidade nos medios públicos, apelando á responsabilidade social que teñen e á misión de servizo público que lles deron orixe”, concluíu Presas.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG