BNG pide o cese dos responsables de Igualdade por culpar ás mulleres de ser o detonante da violencia machista cando deciden separarse dos agresores

Noa Presas
Noa Presas

Presas: “Non son declaracións feitas na barra dun bar senón alegacións presentadas polo goberno do PP a un informe do Consello de Contas”

É unha proba máis de que o goberno de Rueda asume o discurso negacionista da extrema dereita en materia de violencia de xénero, alega

O BNG pide ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, que cese de inmediato aos máximos responsables da loita contra a violencia machista, o director xeral de loita contra a violencia de xénero, Roberto Barba, e a conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, tras as escandalosas alegacións remitidas ao Consello de Contas nas que, se argumenta que é a decisión das mulleres de deixar aos seus agresores actúa como espoleta de moitos casos de violencia, responsabilizando así á vítima, ademais de minimizar o papel da prevención e sensibilización no combate contra a violencia de xénero.

“Culpabilizan ás mulleres por separarse e denunciar atribuíndo ser o detonante das agresións machistas e dos feminicidios e isto é extremadamente grave”, denuncia a deputada e portavoz parlamentaria de Igualdade Noa Presas, “que pretende o señor Rueda, que as mulleres que están nunha situación insoportable de violencia machista calen e aguanten no lugar de denunciar e de se separar dos seus maltratadores?”, interpela.

Presas destaca que esta argumentación non responde a unhas declaracións improvisadas, senón que foron presentadas polo goberno do PP como alegacións a un informe do Consello de Contas no que o ente fiscalizador reprochaba ao Executivo de Rueda o escaso investimento en políticas de sensibilización e prevención contra a violencia machista.

“Non son unhas declaracións que este señor (Barba) fixera na barra dun bar, é que son unhas alegacións por escrito, asinadas de puño e letra por un responsable político da Xunta o que revirte aínda máis gravidade, de feito, a resposta que o propio Consello de Contas dá é demoledora deixando claro que non hai pé a introducir semellante argumentación. O que ten que facer este señor é dimitir ou ser cesado porque demostrou, tanto el como a súa superior, que están incapacitados para defender os dereitos das mulleres neste País”.

Para o Bloque, é unha proba máis de como o goberno do Partido Popular asume o discurso negacionista da violencia machista que promove a extrema dereita. “O que di Rueda é que concienciar á sociedade contra a violencia de xénero non é útil negando a evidencia científica, ou realmente o que pretende é que non se traballe contra o machismo porque xa está adherido de todo as teses da extrema dereita”, interpela Presas, para quen “ás alegacións son dunha gravidade extrema e unha proba máis de até que punto o PP abraza as teses negacionistas da extrema dereita cando se trata de violencia machista”.

A formación nacionalista volve poñer sobre a mesa a súa proposta de destinar o 1% do orzamento da Xunta á combater a violencia contra as mulleres, o que suporía 130 M€ de euros anuais fronte ós 26,5 M€ que recollen as contas de 2025; ademais de reverter a privatización de servizos públicos como os centros de crise. “O Consello de Contas acaba de avalar o que o  movemento feminista e o BNG levamos anos denunciando: que falta prevención, que faltan medios e persoal e que sobra privatización”, sentencia.

Neste sentido, o BNG anuncia que presentará iniciativas centradas en que se aumente o orzamento, en reforzar o persoal público tamén nos Centros de información á muller e para reverter a privatización dos centros de crise 24 horas e das casas de acollida.

Estamos ante un goberno do PP onde o presidente da Xunta, recordou Presas, “encubriu durante meses a un conselleiro presunto agresor sexual ao que despediu entre aplausos; que se  negou a convocar un comité de crise tras sucederse tres asasinatos machistas case consecutivos; que suprimiu a materia de igualdade no ensino, que non garante o dereito ao aborto na sanidade pública ou que recortou as axudas ás mulleres vítimas da violencia de xénero”.

A deputada trasladou todo o apoio e solidariedade do BNG a moza agredida sexualmente en Ferrol por unha manada, ao tempo que fixo fincapé no preocupante incremento da violencia machista, nun contexto no que avanzan os discursos negacionistas.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG