BNG lanza este 25-N unha campaña contra o negacionismo “activo ou pasivo” da violencia machista que abraza a dereita

Presentación campaña 25N
Presentación campaña 25N

Presas denuncia que o PP que privatiza servizos de atención as mulleres e recorta persoal agora ‘celebra’ esta data metendo a tesoira no orzamento

“A mensaxe dun Goberno que ampara durante meses un presunto agresor sexual é perversa e alimenta a invisibilización da loita feminista”, asegura  

Destinar o 1 % do Presuposto, xestión pública e contratación de persoal de Psicoloxía para a Atención Primaria, entre as propostas do Bloque

O BNG celebrará este ano o Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra a Muller, o 25-N, cunha campaña para denunciar o negacionismo “activo ou pasivo” que está abrazando a dereita, en Galiza e no Estado, e que fai que institucións como a Xunta baixen a garda diante do “tema máis importante para as mulleres: o dereito a unha vida libre de violencia machista”.

 “Negacionismo como o que estamos vendo nos pactos PP-Vox ou que vemos en Galiza nun Goberno do PP que recorta o orzamento destinado á violencia machista e que  preferiu amparar un presunto agresor sexual na vez de defender a vítima e crer a súa versión”, subliñou a responsable de Acción Feminista do BNG, Noa Presas, durante a presentación da campaña.

‘Negar a violencia machista é violencia machista’ é, precisamente, o lema desta campaña, que complementa a posta xa en marcha polo BNG nas comarcas para denunciar o segundo “gran obstáculo” que ten hoxe en día a loita contra a violencia machista, a falta de servizos públicos na atención as mulleres vítimas e a privatización que o PP fixo xa dos centros de crise 24 h. e prevé facer agora cos CIM móbiles prometidos hai xa dous anos.

Tras recordar que a violencia machista matou en Galiza máis de 60 mulleres desde o 2008 e mantén hoxe 6.000 dentro do sistema Viogen,  Noa Presas advertiu do “efecto perverso” que o negacionismo ten na loita contra a violencia machista porque “alimenta a súa invisibilización” e impide avanzar no dereito a ser libres. Ocorre en Galiza, exemplificou, coa Lei de Violencia Machista que, cando se cumpren 18 anos desde a súa aprobación, aínda está sen desenvolver en aspectos fundamentais como a prevención, a coeducación ou a atención psicolóxica ás vítimas en Atención Primaria.

Con eses aspectos da lei metidos no caixón, o PP que privatiza para “facer negocio” coa violencia contra a muller, encara agora o 25-N cun recorte de máis de un millón en euros no orzamento de 2026 para esta materia. “Esta é a proposta do PP de Rueda para o 25-N: recortar e aplicar a tesoira nos orzamentos de violencia machista”, denunciou a responsable de Acción Feminista do Bloque, que fixo unha chamada a toda a sociedade para que este 25-N se mobilice co feminismo galego “para avanzar”  e non retroceder na loita contra a violencia machista, esixíndolle ao Goberno do PP máis compromiso, máis medios e de xestión pública e máis recursos.

É por iso que o BNG reclámalle o Executivo de Rueda que “pare” o recorte orzamentario previsto para 2026 e se comprometa a destinar 1 de cada 100 euros do Presuposto da Xunta (en torno aos 140 millóns de euros) para a loita contra a violencia machista. É imprescindible ademais, segundo expuxo Presas, dar marcha atrás na privatización dos CIM móbiles e rescatar para a xestión pública os centros de crise 24 horas, “precisamente para evitar problemas como os que estamos vendo coas pulseiras anti-maltrato”, argumentou.

A terceira proposta do Bloque para este 25-N é ampliar a cobertura de atención psicolóxica ás vítimas, que hoxe só chega a un terzo das que están incluídas no sistema Viogen. Para iso é necesario, reclamou Presas, reforzar con urxencia o cadro de persoal dos centros de Atención Primaria coa contratación de 100 profesionais de psicoloxía, o que permitiría acadar o obxectivo “realista e ambicioso” de atender, cando menos, o 60 % das mulleres que denuncian.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG