parlamento galego

BNG exixe á xerente do SERGAS toda a información en relación ao cargo do seu irmán na xestión da sanidade privada

Montse Prado
Montse Prado
Prado aludiu á Lei de Transparencia, que detalla “que os altos cargos deben absterse de intervir nos procedementos administrativos que afecten a intereses persoais ou familiares”, xa que o irmán da xerente do Sergas ten entre as súas funcións “procurar financiamento e oportunidades” nos negocios da sanidade privada

O BNG emprazou á  xerente do Sergas, Estrella López Pardo, a “se non ter nada que ocultar, aportar luz e taquígrafos” por mor da relación do seu irmán coa sanidade privada, xa que este é un dos responsable da xestión dos hospitais privados de Galiza. O coñecemento deste vencello xera “unha preocupación social polas malas prácticas, de empresas, lobbies que fan presión para acadar recursos públicos”, remarcou a portavoz de Sanidade, Montserrat Prado.

Prado fixo referencia ás informacións ofrecidas polo xornal Nós Diario nas que se detallaba unha relación de parentesco que pon en entredito “o compromiso público” da actual xerencia da sanidade pública galega. “Vostede non veu aquí comparecer cando nomearon ao seu irmán responsable da sanidade privada, senón cando se descubre ese nomeamento e o BNG a empraza comparecer aquí”, remarcou.

A parlamentaria do Bloque aludiu á Lei de Transparencia, que detalla “que os altos cargos deben absterse de intervir nos procedementos administrativos que afecten a intereses persoais ou familiares”, xa que o irmán da xerente do Sergas ten entre as súas funcións “procurar financiamento e oportunidades” nos negocios da sanidade privada.

“O Sergas ten unha relación moi estreita cos hospitais desta asociación”, denunciou a portavoz de Sanidade, que trasladou á xerente do Sergas, “que vostede mesma debera ser a máis interesada na luz e taquígrafos que lle demandamos dende o BNG”.

A carteira de servizos que a sanidade privada ocupa do total da atención sanitaria galega, detallou Prado, “é a do 24.9% das urxencias, o 42% das resonancias magnéticas e o 26.5% da atención hospitalaria, cunha facturación anual de 336 millóns de euros”. O Sergas, do que é responsable López Pardo, destinou en 2022 “165 millóns de euros a prestación sanitaria con medios alleos dos hospitais privados”, sinalou.

Esta relación de consanguinidade estreita entre a xerente dos hospitais públicos galegos e o responsable dos hospitais privados “pon de novo ao descuberto o xeito de actuar do PP coa sanidade pública galega, porque a ten sometida a un proceso de privatización continuo, para converter un servizo público esencial como é a sanidade en negocio para as empresas amigas”, denunciou a deputada do BNG.

Esta actitude de progresivo deterioro da sanidade pública acrecéntase, criticou, “colocando quintacolumnistas da sanidade privada en postos relevantes de Sanidade, para actuar desde dentro, tomando decisións para beneficiar os intereses da sanidade privada, ben realizando modificacións lexislativas, deteriorando a sanidade pública, fomentando as listas de espera ou eliminando camas nos hospitais públicos”, criticou. “Hai unha lei de Transparencia que a obriga a comunicarlle a este Parlamento as relacións de consanguinidade dos cargos públicos que poidan afectar ao seu exercicio”, lembroulle Prado a López Pardo.

A portavoz de Sanidade, co obxectivo “de seguir aportando luz e taquígrafos”, emprazou á xerente do Sergas a compartir coa Cámara “a súa axenda de reunións desde o nomeamento do seu irmán, Manuel López-Pardo, como director-xerente da Asociación de Hospitais de Galiza, AHOSGAL”; a relación de todos os acordos con cada un dos hospitais que forman parte de AHOSGAL nos que ten intervido a xerente do Sergas desde o nomeamento do seu irmán e a relación, “de existir, do uso por parte da xerente do Sergas, da figura da abstención regulada na normativa básica en materia de procedemento administrativo”, que tamén ven establecida na Lei de Transparencia e Bo Goberno e, ademais, “as abstencións realizadas por escrito que tamén veñen obrigadas pola Lei de Transparencia”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG