Durante a sesión de control ao Goberno do Estado, o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, demandou ao Ministro de Industria e Turismo o compromiso do Goberno para o mantemento da actividade e dos postos de traballo na planta de Alcoa en San Cibrao. Rego sinalou a Jordi Hereu a necesidade de que o Goberno se abra á intervención pública, aínda que sexa temporal, para garantir a continuidade da actividade de alumina e aluminio na Mariña.
“Que accións está a desenvolver o Goberno ante o incumprimento por parte de Alcoa do Acordo de Viabilidade asinado en 2021 coa representación das traballadoras?” foi a pregunta formulada polo deputado do BNG no Congreso ao Ministro de Industria. Unha cuestión central para a comarca da Mariña e para as traballadoras e traballadores ante a crise que atravesa Alcoa San Cibrao nos últimos anos.
O deputado nacionalista, neste sentido, exixe concreción ao Ministro de Industria porque a realidade é que o Acordo asinado por Alcoa coas traballadoras e traballadores -asinado en 2021 e modificado en 2023- “non está facendo que o Ministerio actúe: só están activas 230 das 512 cubas de electrólise, non se está a construír o novo forno de cocción de ánodos, cun orzamento que ultrapasaba os 100 millóns de euros”.
“As constantes declaracións por parte de Alcoa poñen en cuestión a continuidade da actividade da planta na Mariña e, ante esta incerteza, o Goberno debe abrir a porta á intervención pública, aínda que sexa de maneira temporal até que se poida traspasar a un operador cun proxecto industrial fiábel, solvente e de futuro” reclama Néstor Rego durante a pregunta. O BNG, continúa o deputado nacionalista, reclama esta intervención pública, igual que fan sindicatos e o conxunto das e dos traballadores da planta; igual que reclama a sociedade galega.
“Sabe importancia da planta de Alcoa en San Cibrao para a Galiza. Un sector estratéxico” subliña Néstor Rego dirixíndose ao Ministro de Industria. Hereu, pola súa parte, coincide en sinalar que a instalación desta industria é estratéxica para a Galiza e para o conxunto do Estado español e mesmo para Europea. “Estamos a falar dun produto esencial que se emprega para outros sectores como automoción, aviación, construción ou electrónica” enumera.
Néstor Rego valora que a resposta do ministro de que están “a traballar para facer posíbel o futuro de Alcoa na Galiza, con Alcoa ou outra xente” é excesivamente ambigua e inconcreta. Máis aínda se se ten en conta que o Ministerio e a Xunta asinaron un Memorando de Entendemento con Alcoa – que aínda é secreto- e que non serviu para resolver a crise. De aí a insistencia do BNG na intervención pública da planta.