BNG exixe ao Goberno equiparar os permisos por acollemento temporal para o persoal funcionario

Néstor Rego
Néstor Rego

Rego denuncia unha discriminación inxustificábel que exclúe as persoas funcionarias dos permisos de 19 semanas nos acollementos temporais inferiores a un ano

O deputado do BNG reclama garantir a plena equiparación de dereitos e asegurar que todas as persoas acolledoras dispoñan dos mesmos instrumentos

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, vén de rexistrar iniciativas na cámara baixa para reclamar ao Goberno iniciar os trámites que permitan corrixir a desigualdade de trato que afecta as persoas funcionarias no acceso ao permiso por adopción, garda con fins de adopción e acollemento.

A recente modificación do artigo 49.b) do Estatuto Básico do Empregado Público (EBEP), introducida polo Real Decreto-lei 9/2025, mantén unha limitación que impide ás persoas funcionarias acceder ao permiso de 19 semanas nos casos de acollemento temporal cunha duración inferior a un ano. Pola contra, esta restrición non existe para as persoas traballadoras sometidas ao réxime do Estatuto dos Traballadores.

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, considera que esta situación constitúe unha "discriminación incomprensíbel e inxustificábel entre persoas traballadoras que se atopan na mesma situación de responsabilidade e coidado dun menor".

"O acollemento temporal é unha ferramenta esencial para a protección da infancia e require unha dedicación absoluta, especialmente nos primeiros momentos, cando é necesario facilitar a adaptación do menor e avaliar as súas necesidades. Non ten sentido que as persoas funcionarias vexan limitados os seus dereitos precisamente nestas circunstancias" sinala Rego.

O deputado nacionalista advirte que a actual redacción do EBEP deixa fóra unha modalidade de acollemento especialmente relevante para menores en situación de vulnerabilidade, xerando unha diferenza de trato respecto das persoas empregadas por conta allea que non responde a ningún criterio obxectivo nin razoábel.

Por este motivo, a organización nacionalista reclama ao Goberno do Estado recoñecer a existencia desta desigualdade e proceda á súa corrección mediante a modificación da normativa vixente. No concreto, o BNG demanda a eliminación do inciso final do artigo 49.b) do EBEP que condiciona o acceso ao permiso a que o acollemento temporal teña unha duración non inferior a un ano.

"Non existe ningunha xustificación para que unha persoa funcionaria non poida gozar do mesmo permiso de 19 semanas que si corresponde a unha traballadora ou traballador sometido ao Estatuto dos Traballadores cando ambas as dúas están asumindo exactamente as mesmas responsabilidades de acollemento" subliña o deputado do BNG.

Ante esta situación, Néstor Rego urxe o executivo a actuar con celeridade para garantir a plena equiparación de dereitos e asegurar que todas as persoas acolledoras, con independencia do seu réxime laboral, poidan dispoñer dos mesmos instrumentos de conciliación e coidado.

"O interese superior das crianzas debe estar por riba de calquera diferenza administrativa. Corrixir esta situación é unha cuestión de igualdade, de conciliación e tamén de protección efectiva da infancia" conclúe.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG