BNG esixe á Xunta as inspeccións a residencias dos últimos cinco anos tras os graves peches en Amoeiro e Xinzo

Iago Tabarés
Iago Tabarés

Reclama ademais a eliminación da precariedade, o incremento do cadro de persoal de inspección, e un sistema que impida avisar das inspeccións

Iago Tabarés: A negativa de Rueda a dar explicacións é unha falta de respecto xs galegxs e constata que a Xunta coñecía e consentía a situación 

Acúsao de “escudarse no traballo da inspección de Servizos Sociais cando sabe que esta carece de medios e instrumentos suficientes”

O BNG esixe á Xunta as actas e informes das inspeccións realizadas nos últimos cinco anos aos centros de Amoeiro e Xinzo así como doutras vivendas xestionadas polas mesmas persoas. Reclama ademais a eliminación da precariedade,  o incremento do cadro de persoal da inspección así como o establecemento dun sistema que impida que as visitas da inspección aos centros poidan ser avisadas para evitar agochar posibles deficiencias.

“Non se pode seguir xogando co benestar das nosas maiores e da persoas vulnerables, a vellez non pode ser un negocio, en moitos casos, pagado con recursos públicos”. 

Así o manifestou en rolda de prensa o deputado Iago Tabaŕes, que pediu ademais os expedientes sancionadores, porque –advertiu—tras unha inspección, a Xunta pode “incoar procedementos sancionadores ou déixaos prescribir. Non emite resolución en prazo ou emite sancións que poden ser de contía escasa” o que segundo o deputado, aos centros lles saia mellor pagar a sancións que cumprir cos rateos de persoal e coidados”.

No caso da residencia de Amoeiro, ao deputado por Ourense, resúltalle “incomprensible” a falta de explicacións arredor do seu peche o día un de outubro por parte da Garda Civil, cando o 8 de setembro fora inspeccionado pola Xunta e, aínda así,  seguiu funcionando con total normalidade, sen advertir das importantes carencias de coidado e alimentación de saíron á luz.

Diante desta situación, Tabarés, manifestou a súa “indignación, que non sorpresa”, pola falta de resposta e de responsabilidade tanto do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, como da Consellaría de Política Social, tras o escándalo revelado na vivenda comunitaria de maiores de Amoeiro.

“Non só é unha falta de respecto a este Parlamento, é un desprezo, non ao BNG ou a Ana Pontón, senón aos milleiros de galegos e galegas”, manifestou.

Segundo o deputado, este silencio “evidencia que a Xunta coñecía e consentía a situación”, e” incrementa a preocupación” do BNG de que casos semellantes poidan estar producíndose noutros centros.

Tabarés lembrou que o propio Rueda evitou non só dar explicacións, senón tamén respaldar a conselleira de Política Social, despois de que a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, pedise o seu cese pola súa ineficacia no control das residencias e centros de maiores, tanto en relación ás persoas residentes como ao persoal traballador. “Non hai unha ratificación expresa por parte do presidente da Xunta” á conselleira, reiterou.

Tamén recordou que o BNG pedira xa na pasada lexislatura documentación sobre acontecementos graves en residencias de Ourense, sen obter resposta algunha por parte da Xunta. “Agora imos dar unha segunda oportunidade ante os graves acontecementos de Amoeiro e Xinzo de Limia”, anunciou.

“Queremos saber se a vivenda comunitaria foi inspeccionada nos últimos anos, cal foi o resultado destas inspeccións e cal foi a actuación da Xunta?, preguntou, despois de que estas cuestións non fosen aclaradas polo presidente da Xuta no pasado Pleno.

Atrancos á inspección por parte da Consellería

Iago Tabarés cualificou de “cinismo político” de Rueda durante a sesión de control ao intentar escudarse no traballo da inspección de servizos sociais, cando “carece de medios e instrumentos eficaces para desenvolver o seu labor nas residencias e centros de maiores”, expuxo.  

Lembrou neste sentido a denuncia, hai máis de dous anos, da propia Asociación de Inspectores de Servizos Sociais de Galicia onde sinalaba que a Consellería obstaculizaba a eficacia da Inspección de residencias, baseándose en denuncias realizadas por traballadoras de residencias e familiares e “que a Xunta coñecía”. “Lonxe de actuar contra as irregularidades, (A Xunta) iniciou actuacións contra os inspectores denunciantes”, criticou. 

Tabarés salientou o feito de que, despois de que o BNG sustanciase nunha pregunta o caso de Amoeiro, onde había maiores desnutridos, alimentados a base de leite e patacas e faltos de hixiene, iso contribuíu a destapar tamén  a sobreocupación superior ao 50% no centro de maiores de Xinzo de Limia. Por iso, a formación nacionalista demanda eliminar a precariedade e o incremento do cadro de persoal na inspección de Servizos sociais e o establecemento dun sistema que impida que as visitas de inspección sexan avisadas.

“Non vale esta ausencia de contestación e de compromiso por parte do presidente da Xunta. É un problema que levamos arrastrando moitos anos e que hai que resolver de vez. Creo que llo debemos aos nosos maiores e a esta sociedade que queremos construír”, rematou.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG