O BNG vén de rexistrar unha petición para que se convoque a Comisión de Relación co Consello de Contas, que leva 8 meses sen reunirse, para que se poidan debater e ver todas as propostas que hai que facer a respecto dos informes emitidos polo órgano fiscalizador.
A portavoz de Facenda do BNG, Noa Presas, criticou a “deriva antidemocrática” na que está instalado o PP e esixiulle que “pare de amordazar o Parlamento galego” e desbloquee a convocatoria da Comisión. “Como non lle gusta o que di o Consello de Contas, como acabamos de ver no último informe demoledor sobre a situación da saúde mental en Galiza ou hai escasas semanas sobre a Conta xeral e os chanchullos do Partido Popular, o que fai o PP é bloquear que se poida debater e facer propostas”, criticou.
A deputada nacionalista recriminou que desde o inicio desta lexislatura o PP impuxo un atraso “sen precedentes” na convocatoria do órgano fiscalizador para o debate dos informes e a aprobación da Conta Xeral. Sobre esta, lembrou que tanto a de 2022, que entrou hai máis de un ano, como a de 2023, que o fixo hai unhas semanas, seguen sen someterse a debate, cando a “súa necesidade de aprobación polo Parlamento galego está recollida na lexislación”.
Por mor deste bloqueo do PP a que se reúna a comisión, hai, segundo indicou a portavoz de Facenda do BNG, máis de 25 informes sen debater, con temas tan importantes como a Conta Xeral, a autovías con peaxes na sombra ou a Covid , aos que hai que sumarlles os que entraron posteriormente, como o se vén de publicar sobre a inclusión de cláusulas sociais na contratación pública.
“Hai que debater os informes do Consello de Contas que poñen luz taquígrafos sobre a privatización da sanidade, sobre como o Partido Popular emprega recursos públicos para favorecer os contratos a dedo, como fai unha mala xestión dos fondos europeos, como se certifica que Galiza perde co sistema de financiamento ou que houbo un sobrecusto no hospital Álvaro Conqueiro”, exemplificou.
Presas salientou que nin sequera se debateu o Informe de fiscalización das eleccións, que foi remitido xa en xullo de 2024 e que, segundo lembrou, “hai tradición de facelo a ritmo”. O mesmo sucede coas propostas que fai o Parlamento para o plan de traballo do propio órgano fiscalizador. “As de 2024 debatémolas en setembro de 2024 e 2025 vai polo mesmo camiño”, lamentou, subliñando así mesmo que a última comparecencia dun conselleiro maior foi en marzo de 2023.