Parlamento Galego

BNG denuncia que a planificación enerxética do Goberno central marxina a Galiza e pon en perigo a transición xusta

Xosé Manuel Golpe
Xosé Manuel Golpe
A Proposición non de Lei do BNG sobre a Manifestación de Interese, busca exixir transparencia e responsabilidade a REE e Miteco ante a falta de infraestruturas clave e o incumprimento de compromisos cos territorios

O deputado do Bloque Nacionalista Galego, Xosé Manuel Golpe, levou á Comisión 6ª de Industria, Enerxía, Comercio e Turismo unha análise crítica da Manifestación de Interese (MdI) de marzo de 2024, un instrumento que, lonxe de ser un "exercicio de diálogo" cos territorios como publicitaba o Ministerio para a Transición Ecolóxica, resultou "inútil" para Galiza.

Golpe expuxo que, a pesar de incluír 18 dos 57 nós peninsulares aptos para poxas de capacidade, ningún dos nós galegos foi finalmente engadido no primeiro concurso de capacidade publicado por Red Eléctrica de España (REE) en setembro de 2024. "Esta sería o final da historia, se non fose porque detrás de todo isto hai un transfundo de falla de compromiso do operador do sistema, e por derivada do operador do sistema con Galiza en xeral, pero moi especialmente coas dúas zonas de transición xusta do país", afirmou.

A crítica esténdese á planificación xeral da rede de transporte, sinalando proxectos clave que levan anos ou incluso décadas de atraso sen se materializaren. Como exemplo flagrante, citou o dobre circuíto Naraío-Maciñeira de 400 kV e as subestacións asociadas, incluídas na planificación 2021-2026 a través dunha modificación puntual. "Pois vai ser difícil, ningunha das dúas subestacións está construída a día de hoxe", destacou, recordando que Naraío xa figuraba na planificación de 2010 e conta con Declaración de Impacto Ambiental favorable dende 2011. "Custa entender que unha infraestrutura destas características apareza e desapareza como se fose o río Belelle", ironizou.

O deputado nacionalista cuestionou o compromiso real do Miteco e de REE coa transición enerxética en Galiza, especialmente nas Zonas de Transición Xusta. "Todo fai pensar que isto da transición xusta é unha gran mentira", aseverou, mostrando a súa desconfianza tanto cara á planificación estatal como ao papel da Xunta de Galiza, á que acusou de non ser "suficientemente belixerante" na reivindicación dos dereitos galegos.

Ante esta situación, a Proposición non de Lei aprobada na comisión busca exixir información e datos transparentes sobre o traballo realizado. "Pode parecer unha demanda moi livián, pero é un camiño necesario para rematar tendo as transferencias en planificación enerxética", concluíu Golpe, subliñando que a transparencia é o primeiro paso para lograr unha competencia real de Galiza na xestión do seu futuro enerxético.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG