parlamento galego

BNG demanda a comparecencia da xerente do Sergas fronte o posible conflito de intereses relacionado cos negocios sanitarios do seu irmán

Montse Prado
Montse Prado
Montse Prado: “Esiximos luz e taquígrafos, porque esta relación é unha mostra máis de como o PP dende a Xunta actúa en beneficio da sanidade privada”

O BNG pide a comparecencia na Cámara da xerente do Sergas, Estrella López Pardo, tras coñecerse o nomeamento do seu irmán como xerente da Asociación de Hospitais de Galiza, Ahosgal, o que pode supoñer un incumprimento da Lei 1-2016 de Transparencia e Bo Goberno que establece que os altos cargos deben absterse de intervir nos procedementos administrativos que afecten aos seus intereses persoais.

Esta relación entre a actual xerente do Sergas e a posición do seu irmán “fixo saltar as alarmas de que desde o Goberno do PP se estean a primar os intereses particulares por riba dos colectivos, do interese público”, declarou a portavoz de Sanidade, Montserrat Prado, que considerou “imprescindible” que se clarifique “se se están a producir preferencias na toma de decisións da xerente respecto de concesións, concertos, convenios ou contratación de servizos con hospitais desta asociación”.

É por estas sospeitas que BNG urxe a comparecencia da xerente do Sergas no Parlamento ademais de presentar unha batería de medidas para verificar se o Partido Popular está a incumprir a normativa en Transparencia “que establece que os altos cargos deben absterse de intervir nos procedementos administrativos que afecten aos seus intereses persoais, que inclúe aos familiares até o cuarto grao de consanguinidade, como é o caso”, incidiu a deputada do Bloque.

A lexislación tamén establece que esta abstención debe facerse por escrito e comunicarse ao rexistro de actividades de altos cargos para a súa constancia, algo que tamén solicita a formación nacionalista para analizar se existe un conflito de intereses en detrimento da sanidade pública.

“Queremos coñecer e que se faga pública a axenda de reunións da xerente do Sergas desde o nomeamento do seu irmán”, reclamou Prado, que demandou ao Goberno do PP a relación completa de todos os acordos da Xunta con cada un dos hospitais que forman parte de Ahosgal. “Esiximos luz e taquígrafos”, subliñou, e cualificou este posible conflito de intereses como “unha mostra máis de como o PP dende a Xunta actúa en beneficio da sanidade privada”.

Un Executivo dos Populares, denunciou, “que leva catorce anos actuando como comercial da sanidade privada, actuando dende dentro como quintacolumnistas para facilitarlles o negocio”.

A portavoz de Sanidade concluíu recriminando á xestión do PP, “que deteriora a sanidade pública con modificacións lexislativas que facilitan o transvase da sanidade pública á privada”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG