Congreso

BNG defenderá no Congreso o carácter vinculante da Carta Social Europea

Encontro coa CIG
Encontro coa CIG

Néstor Rego rexistra unha Proposición de Lei sobre o carácter vinculante das decisións do CEDS en relación coa Carta Social Europea e, en consecuencia, a súa obrigada execución por parte do Estado español

O BNG recolle a proposta da CIG após a resolución do Comité sobre a reforma do despedimento e a nula vontade do Goberno español para deixar sen efecto a reforma laboral do 2012

O Bloque Nacionalista Galego asume a proposta elaborada pola Confederación Intersindical Galega para introducir na lexislación estatal a obriga de que o executivo asuma as decisións emanadas do Comité Europeo de Dereitos Sociais e rexistra unha Proposición de Lei para facelo realidade. Esta cuestión formúlase despois de que o CEDS resolvese de forma contundente sobre a necesidade de abordar unha reforma do despedimento e o executivo amosase unha nula vontade para deixar sen efecto a reforma laboral do ano 2012.

A Proposición de Lei rexistrada polo BNG, a raíz das achegas da CIG, propón unha modificación do artigo 219.2 da Lei 36/2011, do 10 de outubro, reguladora da Xurisdición Social pola que se engade un novo apuntamento: ademais de invocar a doutrina estabelecida nas sentenzas do Tribunal de Xustiza da Unión Europea en interpretación do dereito comunitario, engádese a referencia “ás decisións do Comité Europeo de Dereitos Sociais en interpretación da Carta Social Europea (revisada)”.

“Queremos blindar o carácter vinculante das decisións do Comité Europeo de Dereitos Sociais e obrigar o Estado español a executar as decisións do organismo europeo ante a súa nula vontade” sinala o deputado do BNG no Congreso. Néstor Rego sinala que a Carta Social Europea foi ratificada de maneira voluntaria polo Estado español, publicada no BOE, e, polo tanto, a súa obriga sería a de cumprir a Carta e as resolucións ditadas polo CEDS.

Mais, pola contra, o Estado español non está “a cumprir nin coa Carta Social Europea, nin coas resolucións ditadas polo organismo europeo”. A proba está após a contundente resolución do Comité Europeo de Dereitos Sociais a respecto da necesaria reforma do despedimento no Estado. Á nula vontade do Goberno español e o incumprimento da CSE, súmase a sentenza do Tribunal Supremo do 16 de xuño que considera que as decisións do CEDS non son executivas nin directamente aplicábeis entre particulares o que, na práctica, deixa sen efecto a resolución do CEDS.

Derrogar a reforma laboral de 2012, tal e como sinala o CEDS

Pola súa parte, o Secretario Xeral da CIG, Paulo Carril, volve reclamar a necesidade de mudar a lexislación actual en material laboral e derrogar a reforma laboral aprobada polo executivo popular de M. Rajoy que conta, subliña, cun enorme rexeitamento social. “O Goberno do Estado segue amparando unha reforma lesiva para as persoas traballadoras, especialmente no relativo ao abaratamento do despedimento individual e colectivo, en facilitar as causas e situar na unilateralidade empresarial as decisións de executar ERE ou ERTE” denuncia Carril.

Derrogar esta reforma, evidencia, que está “inxustificada e indebidamente en vigor” suporía cumprir de inmediato cunha obriga do Goberno español co conxunto da clase traballadora e co que estabelece a Carta Social Europea a respecto do despedimento.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG