Parlamento Europeo

BNG defende na Eurocámara que se corrixa o desfase horario en Galiza

Ana Miranda
Ana Miranda
Ana Miranda lembra que Galiza é un dos países con maior desaxuste horario por unha imposición do ditador Franco en 1940 para adaptalo á Alemaña nazi

No debate da Eurocámara sobre a “Eliminación dos cambios de hora estacionais”, a eurodeputada do BNG, Ana Miranda, lembrou que Galiza é un dos países do mundo con maior desfase entre a hora oficial e a denominada hora solar, un desaxuste imposto polo ditador Franco no ano 1940, que mudou a hora para adaptala á Alemaña nazi. “É tempo de democratizar o fuso horario”, subliñou.

“Se no Estado español hai un desfase dunha hora a respecto do horario solar, na Galiza, dúas”, explicou a eurodeputada galega na súa intervención, quen destacou a necesidade de que se leve a cabo o axuste do fuso horario e se corrixa este desfase, xa que ao seu xuízo “tería innegables beneficios para a calidade de vida das galegas e galegos e para racionalizar os horarios, fronte ao fuso actual, que non responde a ningún tipo de aforro enerxético nin de mellora da vida da cidadanía”.

Segundo sinalou Ana Miranda, adaptar a hora ao mesmo meridiano xeográfico, como nos casos de Portugal, Irlanda ou as Illas Canarias, “sería a saída máis acaída para Galiza”. Neste sentido lembrou que no 2007, o senador Francisco Jorquera presentou a iniciativa no Senado para pedirlle ao goberno español que Galiza adopte a súa hora natural, no obxectivo de mellorar o aproveitamento da luz solar.

Escaso aforro

“Xa daquela explicou que o cambio de hora segundo datos do Instituto Enerxético da Galiza (Inega) só implica menos dun aforro do 1% no consumo de enerxía, fronte ao 5% do conxunto do Estado Español”, apuntou Miranda a respecto da proposta de Jorquera. Precisamente ese escaso aforro “explícase porque o noso país está situado nun fuso horario que xeograficamente non lle corresponde”. Galiza atópase no mesmo meridiano que Portugal e Irlanda.

“Correspóndelle á Europa decidir sobre o cambio de hora e ao Goberno do Estado español ter en conta a hora natural de Galiza e non a hora política decidida pelo franquismo, como levamos pedindo dende o meu partido, o Bloque, dende hai dúas décadas”, concluíu a eurodeputada galega a súa intervención.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG