O deputado do BNG Oscar Insua defendeu no Parlamento unha iniciativa para reclamar do Estado as transferencias que lle permitan a Galiza impulsar a creación, exercendo o autogoberno, dun corpo propio de funcionarios habilitados ao servizo da Administración Local. Reclamou, ademais, para a Xunta as competencias relacionadas co proceso de selección destes funcionarios de carreira, a oferta pública de emprego que lles afecta e a cobertura de prazas vacantes.
“No BNG cremos totalmente nas nosas capacidades para gobernar desde aquí e para solucionar nós mesmos os nosos problemas, que neste caso son dos concellos, sen ter que ir a Madrid a nada”, asegurou Insua durante a defensa da súa iniciativa, presentada para dar solución aos “graves problemas” que se están a dar nalgúns concellos pola falta de funcionarios habilitados, entre os que figuran interventores, tesoureiros e secretarios de diferentes clases.
Segundo os datos publicados no Portal da Administración Local de Galiza, subliñou, neste momento hai 160 postos vacantes sen titular de habilitados, hai prazas sen titular en 48 concellos e 47 consistorios precisan de maneira inmediata cubrir vacantes deste tipo de funcionarios.
Esta situación, tal e como advertiu Insua, provoca que moitos concellos teñan departamentos paralizados ou cunha carga de traballo acumulada significativa, prexudicando a capacidade de xestión, por exemplo, para sacar adiante expedientes que tan só poden tramitar estes funcionarios.
“Os parches xa non valen”, asegurou o deputado nacionalista, que avogou por tomar medidas contra a “competencia inútil” que provocan neste corpo funcionarial as diferencias salariais entre concellos, o que afecta especialmente aos máis pequenos e aqueles con menos recursos.
Tal e como se indica na iniciativa asinada por Insua, “a realidade é que hoxe temos un escenario nefasto que prexudica xa a moitos concellos galegos, cun número considerable de consistorios municipais sen dito persoal, e co inconveniente de que non existe unha regulación homoxénea dos complementos salariais destes habilitados, amparada no principio de autonomía local, o que provoca competencias inútiles entre eles, e deixando aos concellos con menos recursos sen habilitados”.