A deputada do BNG, Noa Presas recriminoulle ao PP que non cumprise a promesa de licitar o centro de saúde do Carballiño no primeiro semestre de 2026, tal e como se comprometeu o conselleiro de Sanidade se comprometese en Febreiro.
“Son capaces de comprometerse a que, antes de que remate o período de sesións deste Parlamento, van ter licitado este centro de saúde ou van seguir mareando a perdiz ata que chegue a campaña das municipais e teñan outra cousa que prometer no Carballiño?. “É absolutamente indecente”, expresou a deputada nacionalista na súa quenda de réplica despois de que o PP non fose capaz de poñer sequera algunha escusa técnica ou económica que xustificase o incumprimento do seu compromiso coa veciñanza.
Tras indicar que o BNG estaba disposto a eliminar da iniciativa a referencia á modificación do orzamento previsto para 2026, a deputada advertiulle que “non pode ser que aquí un día se prometa unha cousa para calmar as augas no Carballiño e despois estea este centro, seis anos despois de se prometer e catro despois da primeira incorporación como un detalle na memoria do orzamento, sen facerse”.
“Teñan un pouco de vergonza e sexan capaces de manter as súas promesas”, emprazou Presas, despois ademais de que Presas, á vista de que xuño está rematando, lle ampliou o prazo ata o 15 de xullo.
Presas subliñou que a construción dun centro de saúde na vila é unha demanda que “non é nova” e que é “xusta e racional”, apoiada desde hai anos pola veciñanza e pola unanimidade das corporacións municipais da contorna.
Segundo recordou na Comisión de Economía, o Concello do Carballiño conta ademais cunha modificación urbanística aprobada e publicada no DOG en outubro de 2025 para habilitar o uso sanitario da parcela da antiga estación de autobuses. Na súa intervención, Presas amosou imaxes da estación para denunciar que o espazo continúa sen derrubarse, simbolizando así “os incumprimentos do goberno do Partido Popular coa sanidade pública” na comarca. Contrapuxo esta realidade con outros proxectos sanitarios en funcionamento, como o CIS Olimpia Valencia de Vigo, o de Lalín ou o de Lugo, mentres que no Carballiño nin sequera existe aínda unha maqueta ou unha licitación en marcha.
Presas lembrou que o centro de saúde atende a máis de 25.000 persoas e que, pola súa condición de PAC e polo papel de referencia para toda a bisbarra, non responde a un “capricho” nin a un “antollo” dun concello. “Falamos dun edicifio tremendamente desmellorado no que non collen os servizos”, recalcou. Denunciou que o edificio actual, duns 1.800 metros cadrados, quedou pequeno, non é funcional nin accesible e presenta problemas continuos de espazo e mantemento.
Engadiu que a situación actual non permite absorber con garantías os servizos que precisa unha área sanitaria en crecemento. Por iso, na iniciativa tamén se pedía corrixir as insuficiencias de persoal e servizos, aumentando a dotación de horas, horarios e profesionais nas áreas máis necesitadas de reforzo, como é o caso de pediatría, xinecoloxía e radioloxía.
“O Carballiño merece un centro de saúde. O PP prometeuno e nós vimos aquí render contas de por que iso non está feito”, rematou.