BNG considera “insostible” o modelo sanitario de Rueda, coa atención colapsada e os profesionais sobrecargados

Iria Carreira
Iria Carreira
Iria Carreira refírese ás queixas do cadro médico de Urxencias como un exemplo máis das nefastas políticas que o PP aplica desde hai 17 anos

A portavoz de Sanidade Hospitalaria do BNG, Iria Carreira, considera “insostible” o modelo de atención á saúde do Goberno do PP, ao que reclama un xiro na súa política de “recortes”, que  ten levado ao sistema a unha situación de “colapso”, sobre todo na Atención Primaria, e de sobrecarga xeneralizada das traballadoras e os traballadores.

Carreira referiuse ás queixas do cadro médico de Urxencias como o último exemplo das consecuencias no sistema da sanidade pública de 17 anos de políticas do PP, que fan que, a día de hoxe, “estea comprometida a calidade asistencial e que as condicións laborais do persoal sexan cada día peores”. 

“Vemos como os problemas se suceden día tras día, como a Atención Primaria está claramente deteriorada e esquilmada, e como esta situación se traslada tamén á sanidade hospitalaria e os seus servizos de urxencias”, subliña a deputada nacionalista, que esixe un xiro na política do PP para garantir o dereito á saúde das galegos e os galegos.  “Isto non pode seguir así”, advirte.  

A portavoz de Sanidade Hospitalaria do BNG reclama un incremento do orzamento da Xunta para o Sergas e sobre todo, para a Atención Primaria, onde a proposta nacionalista pasa por incrementar até o 25 % a porcentaxe destinada a este eido do sistema, tal e como recomenda a OMS. 

Segundo o último informe do Consello de Contas, destaca, Galiza só destina o 12 % do gasto sanitario a Atención Primaria, por debaixo da media do Estado e só superada neste sentido pola Comunidade de Madrid. Salienta, ademais, que o informe de Contas reflicte a dramática situación na que se atopa a primeira liña asistencial do Sergas despois de que o PP na Xunta recortase máis de 1.650 millóns de euros nos seus 17 anos de goberno.

“Deterioran o público para beneficiar á privada”, critica Carreira que, neste punto, destaca que, tal e como recolleu a prensa estes días, desde 2022 a Xunta multiplicou por dous os contratos “a dedo” cos grandes grupos da sanidade privada.

Ademais do incremento orzamentario para o público, Carreira urxe rematar coa “política  de desvío de fondos para a privada”,  mellorar as condicións laborais para o persoal, que están sostendo co seu “esforzo” un sistema cada vez máis deteriorado e no que cada día é máis difícil obter cita para recibir atención no centro de saúde, o que acaba saturando tamén os PAC e as urxencias hospitalarias.   

“A saúde é un dereito e o Goberno da Xunta ten que velar porque se garanta ese dereito, non seguir utilizando a saúde das e dos galegos como un ben de negocio e mercado”, conclúe Carreira. 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG