Parlamento Europeo

BNG alerta no pleno da Eurocámara da repercusión dos recortes na PAC no sector agrogandeiro galego

Ana Miranda
Ana Miranda
Ana Miranda: “Que futuro terá o sector coa posibilidade de que o fondo para a agricultura sexa reducido para financiar armamento? Menos armamentos e máis alimentos”

No debate do Parlamento Europeo sobre “Política agrícola común posterior a 2027”, a eurodeputada do BNG, Ana Miranda alertou dos recortes na PAC e as consecuencias que pode ter para o sector agrogandeiro galego, que afondarían no continuo peche de explotacións.

Na súa intervención, a eurodeputada galega criticou que nos últimos anos a PAC beneficiou aos grandes latifundios e deixou de lado aos pequenos agricultores galegos. Ao respecto sinalou que segundo os datos pecharon 12.000 explotacións agrogandeiras. “E non é estraño: aumento da burocracia, falta de flexibilidade, falta de políticas para a renovación xeracional”, sinalou Ana Miranda como causas da crise do sector.

“Que futuro pode ter o sector, cando parece que hai unha posibilidade de que o fondo para a agricultura sexa reducido para financiar o armamento? Son necesarios menos armamentos e máis alimentos”, salientou a eurodeputada do BNG, ao tempo que sinalou a complexidade do futuro do sector “cando gobernos coma o galego queren instalar fábricas de celulosa do século pasado, e que poden acabar coas terras mais fértiles do meu país”.

Para o Bloque é inadmisible que o PP queira instalar unha macrocelulosa contaminante como Altri nunha comarca onde existen varias explotacións agrogandeiras e non hai problema de desemprego. Ademais, Miranda apuntou tamén que outro dos aspectos prexudiciais para o sector é que a “a Comisión quere asinar calquera prezo un acordo cos países do Mercosur, que ao seu xuízo vai colocar aos agricultores “nunha situación aínda máis desfavorable”.

Demanda histórica

Que a Política Agraria Común teña en conta as singularidades do sector agrogandeiro galego para garantir a súa continuidade é unha demanda histórica do BNG no Parlamento Europeo. De feito, xa sobre o “Paquete de simplificación da Política Agraria Común” que presentou a Comisión Europea, Ana Miranda defendeu ademais que a situación do agro se analice desde unha perspectiva ampla na que se contemplen todos os problemas: despoboamento, falta de relevo xeracional, desfase entre o pago que reciben os produtores e ganancias das grandes distribuidoras.


 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG