O Bloque participa na Diada como mostra de apoio ao soberanismo catalán

Delegación BNG en Barcelona
Delegación BNG en Barcelona
BNG mantén un encontro da coalición Agora Repúblicas para definir a nova estratexia de actuación no Parlamento Europeo
Unha delegación do BNG, integrada polo Secretario de Organización, Bieito Lobeira, pola coordinadora de Relacións Internacionais e portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, e polo responsable de Relacións co Estado e director da Fundación Galiza Sempre, Rubén Cela, participa en Barcelona nos diferentes actos de celebración da Diada, invitada por ERC.

Con esta participación, e no contexto actual de situación previa á sentenza do “Procés”, o Bloque continúa reforzando os lazos de unión co movemento soberanista en Catalunya. Ademais, traslada a súa solidariedade cos presos e presas políticas, recoñecendo o lexítimo dereito de autodeterminación dos pobos, tal e como este luns lles trasladou Ana Miranda a Oriol Junqueras, Raul Romeva e Jordi Cuixart durante a visita que lles realizou na prisión de Lladoners.

Os actos do Día Nacional de Catalunya hoxe deron comezo cunha ofrenda floral diante do monumento a Rafael Casanova e posteriormente contaron coa intervención da portavoz do BNG en Europa no panel dedicado á política internacional que organiza a Asemblea Nacional Catalana.

Balance dos resultados das europeas

Por outro lado, a delegación do Bloque participou onte nunha reunión da coalición Agora Repúblicas (coa que o BNG se presentou ás eleccións europeas) para valorar os resultados electorais do pasado 26 de maio. Este encontro tivo como obxectivo principal definir a nova estratexia a desenvolver no Parlamento Europeo.

Asemade, Rubén Cela, en calidade de director da Fundación Galiza Sempre, tomou parte na reunión de fundacións do Estado, organizado polo CIEMEN (Centro Internacional Escarré para as Minorías Étnicas e Nacionais).

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG