Ana Pontón: “Tolerancia cero coa corrupción, pero non hai que caer no desánimo porque é o que queren os que están en política para servirse do público”

Equipo de goberno de Lugo
Equipo de goberno de Lugo

“Non todos somos iguais, no BNG levamos 40 anos con responsabilidades de goberno e non temos nin unha soa condena por corrupción”, subliña

A portavoz nacional, Ana Pontón, reafirmou desde Lugo a posición clara e inequívoca do BNG de “tolerancia cero ante a corrupción” e fixo un chamamento a “non caer no desánimo” porque “iso é precisamente o que queren aqueles que están en política para servirse do público”.

Pontón reivindicou “outra forma de facer política” sen deixarse arrastrar “pola crispación e a confrontación da lameira” na que está convertida a política madrileña porque non se pode permitir que se estenda “o desánimo e o descrédito na política”, indicou nun acto en Lugo xunto ao tenente de alcalde, Rubén Arroxo, para avaliar a xestión do cogoberno municipal no ecuador do mandato.

“Non é certo que todos sexamos iguais, no BNG levamos máis de 40 anos neste País con responsabilidades importantes de goberno e non temos nin unha soa persoa condenada por un caso de corrupción”, subliñou para indicar a continuación que, polo tanto, este non é un problema de todos e todas, senón o dun “réxime político onde parece que a corrupción é estrutural e afecta a eses partidos sistémicos e a todo un tecido empresarial que se beneficia dela”.

Unha corrupción que cualificou de “endémica” e que afecta non só ao bipartidismo, senón tamén á Coroa real e tamén a un tecido empresarial que lle fai “un enorme dano á democracia e á propia credibilidade das institucións”, recalcou.

A líder nacionalista manifestou a enérxica condena do Bloque a todas esas prácticas que lle “repugnan”, mais tamén lanzou unha mensaxe á cidadanía: “Non é o momento de caer no desánimo, nin de baixar os brazos porque iso é precisamente o que queren aqueles que están en política para servirse do público, para facer negocios privados co que é de todos e de todas”.

“Desde logo no BNG non imos caer no desánimo e imos seguir reivindicando a política honesta que pon as persoas no centro e ímolo facer fronte a moitos comportamentos que nos parecen indignos”, apuntou en referencia, por exemplo, ao encubrimento por parte do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, durante catro meses ao seu conselleiro do Mar sabendo que estaba denunciado por agresión sexual; ás portas xiratorias do PP para poñer a Xunta ao servizo dos lobbies eléctrico e mineiro ou ao seu empeño de impoñer a bomba ambiental de Altri para beneficiar a empresas amigas.

En relación concretamente aos datos e feitos revelados no informe da UCO que se coñeceu a semana pasada e que cualificou de “moi graves”, Pontón reclamou que “hai que ir até o final neste caso ou noutros casos de corrupción que se están investigando neste momento”.

“A xustiza ten que ser implacable coa corrupción, caia quen caia”, sintetizou, para reiterar a posición do BNG fronte a un caso no que considerou “noxento e repulsivo ver como se poden estar repartindo mordidas” ou “como se trata ás mulleres como se fosen mercadoría”, algo que cualificou de “absolutamente indigno e insoportable”. “Non chega con cesar a un presunto responsable, nin chega con pedir perdón, hai que tomar medidas contundentes para que este tipo de situacións non se repitan goberno tras goberno”, recalcou.

Neste sentido, recordou que o Bloque xa pediu a comparecencia no Congreso do presidente do Goberno central, Pedro Sánchez, para que dea todas as explicacións que esixe a gravidade do caso, así como unha auditoría externa que analice todas as contratacións do Ministerio de Transporte.

“Se nesa auditoría que se ten que realizar, se detecta algún tipo de irregularidade, que se poña en coñecemento da xustiza para actuar até as últimas consecuencias”, reclamou, logo de urxir a “garantir que os cartos públicos se xestionen desde a máis estrita legalidade para que cumpran a función para a que a cidadanía paga os seus impostos que é mellorar a súa calidade de vida”. 

A portavoz nacional lembrou que a posición do BNG foi sempre moi clara, “tolerancia cero coa corrupción e, ante o máis mínimo indicio, acudir á xustiza para que esta actúe”, e advertiu que a formación nacionalista non vai aceptar “ningún tipo de lección” neste ámbito e “menos de forzas políticas como o Partido Popular, que está condenado por corrupción e que ten un amplo historial de prácticas corruptas, con máis de 30 xuízos pendentes por corrupción neste momento no Estado español”.

“O Partido Popular é o único partido de Europa condenado por financiamento ilegal”, recordou Pontón, quen considerou “incrible” que o PP, “que foi o campión da corrupción e condenado polo Tribunal Supremo por financiamento ilegal durante 20 anos”, pretenda presentarse agora como un exemplo de boa política e exemplaridade no uso dos recursos públicos. “Isto era o que faltaba, que o Partido Popular queira darnos leccións de honradez, cando é un partido que está condenado por corrupción”, concluíu. 

A líder nacionalista reiterou que o Bloque vai seguir esixindo a “máxima transparencia” e a “máxima contundencia” ante a corrupción,. “Isto é algo que todos os galegos e galegas teñen que ter claro por parte do BNG”, concluíu.  

 

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG