Ana Pontón: “Rebaixar a factura eléctrica é o maior incentivo fiscal para que se instalen empresas e dar oportunidade de emprego”

Recollida sinaturas Vigo
Recollida sinaturas Vigo

Participa en Vigo na campaña de recollida de sinaturas contra a subida do prezo da luz, especialmente escandaloso nunha Galiza rica en electricidade

O BNG insiste nun prezo máis barato cunha tarifa eléctrica galega a favor de familias e empresas. Hoxe pagamos os custes ambientais sen beneficio

A portavoz nacional, Ana Pontón, participou en Vigo na campaña de recollida de sinaturas en contra da subida da factura da luz que o BNG está desenvolvendo por todo o País, e aproveitou para insistir na proposta dunha tarifa eléctrica galega que lle permita a familias e empresas beneficiarse de ser Galiza exportadora de electricidade.

“Rebaixar a factura da luz é o maior incentivo fiscal que podemos ter para que se instalen empresas e haxa oportunidades e ter un prezo da luz máis baixo non só é posible senón xusto tendo en conta que somos un País rico en electricidade”, explicou, “pero asumimos os custes ambientais e sociais sen ningún beneficio”. Ao contrario, Galiza mesmo chegou a pagar a factura máis cara polo feito de que as eléctricas repercutiron sobre o consumidor os imposto por contaminación aprobado polo Goberno de Feixóo.

Unha tarifa eléctrica galega diferenciada, indicou Pontón, como existe en moitos países europeos, como Noruega, Suecia, Dinamarca ou Reino Unido e Alemaña, que contan con tarifas diferenciadas e máis baratas para aquelas partes do seu territorio que son produtoras. “Pura lóxica porque a enerxía é máis barata onde se produce”, recalcou, “por iso resulta inexplicable que o presidente de Galiza leve doce anos vetando a proposta do BNG poñéndose do lado do lobby eléctrico en lugar de defender ás familias e as empresas”.

Recollida sinaturas Vigo Para a líder nacionalista,  o que está pasando co prezo da luz ten unha dobre causa: “que ás eléctricas mandan máis que os gobernos, tanto no ámbito estatal como galego, e as portas xiratorias co PP e co PSOE”. Neste sentido, Pontón chama atención sobre as medidas do Goberno de Sánchez porque xusto coa rebaixa do IVE até o 10% aprobou tamén a suspensión do imposto de xeración eléctrica que pagan as multinacionais do sector, o que lles a un beneficio adicional de entre 300 a 400 M€ segundo os expertos, sen que teñan obriga de repercutir esa suspensión na factura.

Pontón destacou que tras décadas soportando os custes ambientais e sociais, cada vez pagamos a luz máis cara e hai miles de empregos en xogo precisamente polo alto prezo da enerxía, gana Iberdrola, Endesa, Naturgy pero perden as familias, perden as PEMES e perde a maioría social.

En plena crise, a maioría social vai pagar a factura máis cara da historia, tanto polo cambio na factura como polo feito de que as eléctricas están disparando os prezos en todos os tramos, por iso a campaña do BNG que, ademais, pon sobre a mesa alternativas con medidas concretas.

Como reducir o IVE da luz ao 4%, a tarifa eléctrica galega en beneficio das familias e das empresas, a creación dunha empresa pública galega de enerxía, para camiñar cara unha xestión pública dun servizo e dun ben de primeira necesidade. E medidas para que non se lle poda cortar a luz a ningunha persoa ou familia sen recursos, “porque os dereitos das persoas deben estar por riba da conta de resultados das eléctricas”, concluíu desde Vigo.

 

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG