Ana Pontón pide a Feixóo máxima esixencia con Madrid para que Galiza reciba un reparto xusto nos fondos da UE

Ana Pontón
Ana Pontón

Propón que convoque aos líderes das forzas políticas para sacar adiante un acordo de país que fortaleza a posición de Galiza ante o Estado

Critica que aínda non haxa unha posición da Xunta: “non vale ir cruzado de brazos a escoitar, non é un bo punto de partida para evitar unha nova discriminación”

Ana Pontón pide a Feixóo máxima esixencia con Madrid para que Galiza reciba un reparto xusto nos fondos da UE

Santiago de Compostela, 30 de Xullo 2020.- En vésperas da reunión da conferencia de presidentes, o BNG fai ao Goberno en funcións de Feixóo unha dobre reclamación: consensuar un acordo de país e máxima esixencia co Executivo do Estado para que Galiza reciba a parte que lle corresponde dos 140.000 millóns de euros do fondo de recuperación aprobado pola UE para afrontar a crise derivada da COVID19.

A portavoz nacional, Ana Pontón, pregúntase cal é a proposta da Xunta e como é posible que a menos de 24 horas do encontro con Pedro Sánchez non se haxa ningunha iniciativa sobre a mesa por parte do presidente en funcións en relación a cantos deses fondos debe recibir Galiza, cales deben ser os criterios de distribución entre os diferentes territorios nin sobre que proxectos estratéxicos se queren financiar con cargo a estes recursos.

“En primeiro lugar, o que lle pedimos a Feixóo é lealdade con Galiza, pedímoslle máxima esixencia ante Madrid sen caer na confrontación estéril, porque se trata de conseguir que Galiza reciba os fondos que lle corresponda e, en segundo lugar, pedímoslle que aposte por sacar adiante un acordo de país coas forzas políticas para defender ante o Estado cun obxectivo: conseguir que Galiza reciba cada euro do que lle corresponde do fondo europeo, porque nesta crise cada euro conta e non pode quedar nada polo camiño”, explica Pontón.

Neste sentido, a dirixente nacionalsita pide a Feixóo que, tras a reunión de presidentxs, convoque aos líderes das forzas políticas para explicar cal é a proposta do Goberno galego e escoitar as do BNG, “porque neste momento o que se necesita é unha posición de fortaleza de Galiza, ter como país unha posición clara e esixente porque non vale ir de brazos cruzados a escoitar que teñen que dicir en Madrid, non é un bo punto de partida para evitar unha nova discriminación como xa sucedeu na última distribución de recursos vinculados tamén á crise da COVID”.

Urxe, alega a líder nacionalista, clarificar os criterios de reparto, as prioridades de gasto e de investimento e os proxectos financiables, así como determinar cal é a contía que lle corresponde a Galiza, tendo en conta que a UE xa apuntou criterios como os da poboación, o PIB ou o nivel de desemprego entre o período 2015-2019.  

Igualmente, o Bloque advirte da caída de recursos dos fondos destinados á PAC e a cohesión dentro do Marco Financeiro Plurianual para o período 2021-2027, ambos vitais para o país, cuestión que debe ser tida en conta á hora de defender a contía do que debe chegar para poder compensar ese recorte. E, desde logo, hai que tamén clarificar as condicións de recepción dese fondo de recuperación que, en ningún caso, poden ir ligadas a novos recortes de dereitos sociais.

 

 

Ana Pontón pide a Feixóo máxima esixencia con Madrid para que Galiza reciba un reparto xusto nos fondos da UE