Parlamento Galego

Ana Pontón: "Na comisión das caixas seremos esixentes, non queremos nin paripés nin lavados de cara de Feijóo”

Foto: Praza.gal

A portavoz nacional, Ana Pontón, anunciou que o BNG vai “ser moi esixente” nos traballos da Comisión de investigación das caixas, que volve constituírse o vindeiro luns, para evitar que se peche de xeito “fraudulento” e, esta vez si, chegue ata as últimas consecuencias tanto en relación ao saqueo das entidades, como ao proceso de venda express das caixas fusionadas.

“Imos ser moi esixentes e non imos participar nin en paripés, nin permitir lavados de cara do señor Feijóo”, subliñou Pontón, quen avanzou que o BNG “non vai quedar mudo ante un dos temas máis relevantes para o país, -como é a perda do seu sistema financeiro-, pero desde a esixencia máis absoluta porque non imos poñerllo fácil ao PP se pretende sacar adiante un ditame trufado de trampas”, explicou.

Pontón avanzou que o Bloque vai pedir a elaboración dun calendario de traballo con comparecencias incluídas, entre as que debe figurar a do propio presidente da Xunta, co obxectivo de “saber a verdade” e esclarecer responsabilidades. “Feijóo debe dar unha explicación porque foi cómplice dándolle un ano extra aos directivos para consumar o saqueo, e tamén por un proceso de venta que ruinoso que fixo perder ao país 8.000 millóns de euros”.

Neste sentido, cualificou de “benevolentes” as sentenzas de dous anos de cadea aos directivos de NovacaixaGalicia, tendo en conta que “hai persoas condenadas a tres anos de prisión por roubar comida”. “Hai que investigar toda a xestión”, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG