Parlamento Galego

Ana Pontón: “Imos traballar no importante que é darlle solucións a unha cidadanía preocupada polo saúde e polo emprego”

Novo grupo parlamentar
Novo grupo parlamentar

A política ten que estar á altura para erguer o país, proclama, e avanza as prioridades do BNG na Cámara: reforzar a sanidade e reactivar a economía

Propón un acordo para que Galiza reciba o que lle corresponde dos 140.000 millóns de euros previstos no fondo de rescate europeo no escenario COVID19

Primeira reunión do grupo parlamentario con moita xente nova e mulleres

O Grupo Parlamentario do BNG celebrou a súa primeira reunión nun encontro presidido pola portavoz nacional, Ana Pontón, primeira muller líder da oposición na historia da Cámara galega, todo un símbolo da ambición por construír un país feminista con igualdade real dun grupo no que tamén son maioría as deputadas.

Pontón aproveitou este estreo para deixar clara a folla de ruta do BNG no Parlamento: “traballar no importante: darlle solucións aos galegos e as galegas preocupadas pola crise sanitaria da COVID19 e pola crise económica, cun obxectivo moi claro, erguer Galiza no ámbito sanitario e no ámbito económico”. Un traballo “desde o rigor e desde o entusiasmo” nun momento de emerxencia no que, máis que nunca, “a política ten que estar á altura”, proclamou.

Con ese obxectivo, comprometeu un traballo parlamentario que terá como prioridade “erguer Galiza” no sanitario e no económico e, nesa dirección avanzou as primeiras propostas do Bloque para dar resposta a ese binomio saúde-emprego que preocupa á maioría social.

Así, a formación nacionalista pon sobre a mesa un plan de reforzo da atención primaria, -exhausta tras once anos de recortes do PP-, con máis recursos e con máis persoal, tendo en conta que debe xogar un papel clave na loita contra os rebrotes do coronavirus, unha atención primaria á que se lle adxudica tamén o papel de rastrexo na evolución da pandemia.

“Hai que dotar de medios á sanidade pública para poder facer o rastrexo de casos porque estamos vendo que os rebrotes son unha realidade que vai a máis e temos que ter medios”, explicou, tras volver facer un chamamento á responsabilidade.

En relación a reactivación económica Pontón considera vital que Galiza reciba a parte que lle corresponde do fondo europeo de rescate COVID19 dotado con 140.000 millóns de euros, sen agravios nin discriminacións, e para iso, man tendida para lograr un acordo de país.

“É unha cuestión crucial e temos que ter unha posición de país para afrontar ese debate porque non podemos permitir que nós recorten os fondos de cohesión, os fondos da PAC, os fondos de transición enerxética sen ter ningún tipo de compensación. É urxente que haxa unha posición de país que evite calquera tipo de discriminación na distribución dese fondo europeo de rescate e debemos ter un acordo que nós permita preservar os nosos intereses”, explicou.

A disposición dos e das galegas

Esa prioridade de reconstrución económica pasa por frear a destrución de emprego empezando polos postos de traballo en ALCOA-San Cibrao cunha nacionalización na que interveña tanto o Goberno do Estado como a Xunta, que lle permita a comarca da Mariña encarar con tranquilidade o futuro. “O que non se pode é repetir o desastre da Coruña”, salientou Pontón, en relación á venda e revenda da antiga planta de ALCOA sen garantía algunha de mantemento da produción e do emprego.  Unha nacionalización que debe ir acompañada dunha tarifa eléctrica galega que poña fin ao espolio enerxético.

Finalmente, entre as propostas en materia económica, o Bloque aposta por deseñar e poñer en marcha un plan de rescate do sector do comercio e do sector servizos ligado á hostalería e ao turismo, polo seu enorme impacto no emprego, nun contexto no que xa hai miles de persoas en ERTE.

“O BNG vai facer unha oposición rigorosa, a pé de rúa porque é máis importante que nunca que a política se poña ao servizo da cidadanía preocupada polo que pasa coa súa saúde, o seu emprego e co seu futuro”, sintetizou Pontón, “nesa liña imos traballar porque requírese que a política estea á altura do momento, imos poñer as nosas ideas ao servizo do país e dependerá de quen ten a maioría aceptar a man tendida e orientar a política económica e social. Estamos a disposición dos galegos e das galegas”, concluíu.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG