PARLAMENTO GALEGO

Ana Pontón a Feixóo: “A corrupción do PP rouboulle millóns euros á cidadanía deste País”

Sesión de control ao presidente da Xunta. Nesta ocasión a portavoz do BNG, Ana Pontón, pregunta a Feixoo sobre o financiamento en B do PP de Galiza.

BNG pide que a Cámara investigue a conexión do PPdeG coa caixa B que se xulga na Audiencia Nacional, convertida nun desfile de glorias do PP.

Critica que bote balóns fora en lugar de dar explicacións e pregúntalle cantos recursos perdeu a sanidade pública subtraídos pola mafia Gürtel

Ana Pontón a Feixóo: “A corrupción do PP rouboulle millóns euros á cidadanía deste País”

 

BNG vai pedir que o Parlamento investigue a conexión do Partido Popular de Galiza co presunto financiamento ilegal da caixa B que está sendo xulgada na Audiencia Nacional, e que implica de cheo ao PPdG cando esta formación estaba baixo a presidencia de Alberto Núñez Feixóo.

Así o anunciou a portavoz nacional, Ana Pontón, na sesión de control tras advertir ao presidente da Xunta que ou ben daba unha explicación na Cámara ou ben o BNG solicitaría unha comisión de investigación ante uns feitos “que repugnan a calquera demócrata”  e que, ademais, supuxo un espolio ás arcas públicas: “A corrupción do seu partido rouboulles millóns de euros á cidadanía deste País”, denunciou.

Pontón aproveitou a sesión de control para interpelar ao xefe do Executivo sobre a presunta trama de financiamento ilegal do PP que se xulga na Audiencia Nacional, convertida nestes días “nun desfile de grandes glorias do Partido Popular”, que non deixa de ser “unha nova unha nova entrega da mafia Gürtel”.

Unha trama, a da caixa B, que implica de cheo ao PPdG como confirmou o ex tesoureiro, Luís Bárcenas, ante o xuíz declarando que en 2010, o PP de Pontevedra entregou 50.000 € en negro na sede de Génova, cantidade que, segundo confesou,  foi distribuída en dous sobres de 25.000 € e entregados a María Dolores de Cospedal e a Mariano Rajoy.

“A data é 2010 e vostede era presidente do PP desde 2006, así que ten toda a responsabilidade neste asunto”, subliñou a líder nacionalista, quen replicou ao reproche de Feixóo de traer a corrupción do Partido Popular ao Parlamento en pandemia.

“Estamos en plena crise despois dun ano de pandemia que ten provocado moito sufrimento, e hai unha pregunta que nós formulamos e que se fai moita xente: cantos cartos perdeu a sanidade pública porque foron roubados pola trama Gürtel do PP, cantas residencias se poderían ter construído ou cantas axudas se poderían ter concedido aos sectores impactados pola crise cos cartos roubados pola trama Gürtel do PP?”, interpelou. “O condenable non é pedir explicacións pola corrupción, senón a corrupción do PP”, sentenciou.

Pontón ve na caixa B que se investiga na Audiencia Nacional unha “radiografía” do PP: “sobresoldos, campañas electorais dopadas, corrupción institucionalizada e sedes reformadas con diñeiro tan negro que non poden branquear nin abandonando Génova”, recalcou, decisión anunciada por Pablo Casado que parece que Feixóo non comparte, ironizou.

“Do pasado non se renega, apréndese, dixo nunha entrevista. Calquera persoa sensata pensaría que sería razoable renegar dun pasado marcado pola corrupción, pero alá vostede cos seus principios”, alegou a portavoz nacional do Bloque.

Mordida de 1,8M€

Ademais da última declaración do ex tesoureiro Bárcenas, Pontón fixo referencia ao longo historial que vincula ao PP galego coa trama de financiamento ilegal tendo en conta que Pablo Crespo, considerado número dous da Gürtel, foi secretario de organización do partido en Galiza durante case unha década e confesou que se repartían sobres entre cargos do PP galego e que o 75% do orzamento das campañas electorais era diñeiro negro.

Ou o informe de 2006 do entón xerente dos populares galegos que rexistra “mordidas” a empresas por valor de 1,8 M€, moitas das que despois recibirían contratos millonarios do goberno da Xunta do que  Feixóo era conselleiro en 2003 e vicepresidente en 2004. “Todo isto señor Feijóo é moi grave e require unha explicación neste Parlamento, porque a corrupción socava millóns de euros da cidadanía e socava os cimentos da democracia”, argumentou.

Pontón tamén desestimou o reproche de Feixóo por levar o asunto da corrupción do PP a Pleno dous días antes do encontro bilateral coa líder do Bloque. “Está tan acostumado a non dar explicacións neste Parlamento que non distingue entre unha sesión de control ao goberno, que é a nosa obriga, e un encontro para dialogar dos asuntos do país”, concluíu.

 

Ana Pontón a Feixóo: “A corrupción do PP rouboulle millóns euros á cidadanía deste País”