Ana Pontón critica os recortes de Feixóo en educación e reclama as máximas garantías sanitarias para reiniciar curso escolar

Presentación Vigo
Presentación Vigo

“Pola mañá pide desviar fondos educativos a outros fins e pola tarde di que non ten cartos para contratar o profesorado necesario no escenario post COVID19, que clase de broma é esa?”, interpela

“Un goberno liderado polo BNG non vai permitir que se discrimine a Galiza nin nos fondos do Estado nin da UE, imprescindibles para a reconstrución do país”, declara

Ana Pontón critica os recortes de Feixóo en educación e reclama as máximas garantías sanitarias para reiniciar curso escolar

A portavoz nacional, Ana Pontón, aproveitou a presentación da candidatura do BNG en Vigo para referirse a unha cuestión que ten en vilo a miles de familias: o inicio do vindeiro curso escolar e as medidas de seguridade que deben acompañar a volta ás aulas.

Pontón foi moi crítica cun presidente da Xunta que, tras once anos de recortes en educación, agora di que non ten cartos para contratar o profesorado necesario no escenario post COVID19, e ao mesmo tempo pide desviar fondos destinados a educación a outros fins, e todo mentres non move un dedo para fixar criterios claros que eviten a discriminación de Galiza, tanto no reparto da partida de 16.000 M€ prevista polo Estado, como dos 140.000 M€ que se estima chegarán desde a UE.

“Como se entende que pola maña Feixóo pida destinar fondos de educación para outros fins e pola tarde diga que non ten cartos para contratar máis persoal educativo, máis profesores e profesoras para o próximo curso escolar, cando son necesarios para que as clases se impartan coas máximas garantías sanitarias, que clase de broma de mal gusto é esta?”, interpela a candidata á Presidencia.

“O curso escolar ten que reiniciarser coas máximas garantías sanitarias para o alumnado e para o profesorado e Feixóo non pode dicir que non hai cartos despois de ter pedido poder desviar fondos de educación, non pode dicir que non hai cartos despois de once anos de recortes no sistema universitario, e non pode dicir que non hai cartos quen esta de brazos cruzados en lugar de conseguir que Galiza reciba un trato xusto nos fondos do Estado e dos fondos de Europa, que é o que faría un goberno responsable”.

Pontón subliñou que o BNG propón negociar con criterios claros “un reparto xusto para Galiza dos fondos previstos polo Estado para paliar os efectos da crise derivada da pandemia e dos recursos previstos desdea Unión Europea. Só un irresponsable estaría de brazos cruzados como fai Feixóo instalado ademais na improvisición permanente nun momento crucial como é a desecalada”.

Un goberno liderado polo BNG terá como prioritario acabar coa discriminacion do Estado no reparto de fondos, para que Galiza reciba os recursos que lle corresponden e adicalos a reconstrución económica e social, e para poder encabezar ese goberno á candidata á Presidencia pediu unha gran mobilización nas urnas na cita electoral de xullo.

“Se todas as persoas que estamos disconformes cunha Galiza que vai a menos, cunha Galiza na que nos privatizan a sanidade, na que nos privatizan o máis importante, se todas esas persomas damos un paso adiante o próximo 12 de xullo optando polo BNG seremos capaces de abrir o tempo novo que precisamos e lograr un cambio galego desde o que empezar a construír unha Galiza de futuro, na que vivir, na que traballar e con benestar social”, salientou durante a presentación da candidatura por Pontevedra na cidade de Vigo.

Unha candidatura que lidera Luís Bará e que conta con Montse Prado e Alexandra Fernández como número dous e tres dunha lista que tamén inclúe a Manuel Lourenzo, Carmela González, Paulo Ríos, Cristina Fernández, entre outras, representantes dos distintos sectores económicos, sociais, persoas que coñecen ben esta cidade e o conxunto da provincia.

“O meu compromiso é liderar un goberno a favor desta cidade, para que Vigo acade todo o seu potencial e ocupe o lugar que lle corresponde como motor industrial e tecnolóxico de Galiza. O cambio galego significa colaboración, respecto, apoio, sumar enerxía, talento, investimento a favor de Vigo. Ese é o meu compromiso e con ese obxectivo saímos a por todas o vindeiro 12 de xullo”, concluíu.

Entre as propostas do Bloque: converter Vigo nun referente en I+D+i, man a man co sector público, co sector privado e coa Universidade, cuxo campus ten xa unha clara vocación tecnolóxica; impulsar un plan de reindustrialización de Vigo e a súa área de influencia que atalle a perda de emprego no sector industrial. E medidas para frear a deslocalización de empresas vinculas ao cluster do automóbil cara Portugal, tendo en conta que o sector de automoción forma parte do ADN de Vigo.

 

Ana Pontón critica os recortes de Feixóo en educación e reclama as máximas garantías sanitarias para reiniciar curso escolar