Ana Pontón critica a improvisación e a frivolidade de Feixóo ante o rebrote da COVID19 na Mariña e pide un protocolo urxente de actuación

Ana Pontón
Ana Pontón

“Que o presidente da Xunta despache o tema dicindo que é cuestión de dous ou tres bares é intolerable nun asunto de saúde e cunha pandemia”, recrimina

Manda unha mensaxe de confianza e alento ás persoas afectadas, ofrece toda a colaboración do BNG e anuncia a suspensión de dos actos públicos de campaña na Mariña, “por precaución e responsabilidade”

Ana Pontón critica a improvisación e a frivolidade de Feixóo ante o rebrote da COVID19 na Mariña e pide un protocolo urxente de actuación

A candidata á Presidencia, Ana Pontón, trasladou a preocupación do BNG ante o rebrote de coronavirus que se está a vivir na Mariña de Lugo onde s cifras que se coñecen empezan a ser moi graves: máis de 50 persoas contaxiadas e máis de medio millar confinadas. E, ante esta situación, a líder nacionalista pregúntase onde está o protocolo do Goberno da Xunta para afrontar unha situación que era previsible, pero ante a que o candidato Feixóo está respondendo “desde a improvisación e con frivolidade” pese a tratarse dunha cuestión de saúde pública.

“Pregúntome que está facendo o Goberno da Xunta ante este rebrote, pregúntome onde está o protocolo para determinar como actuar ante un rebrote porque o que vemos até o momento é un Goberno que actúa con improvisación ante un tema prioritario como é a saúde das persoas estando no medio dunha pandemia”, salientou Pontón na Coruña, onde mantivo un encontro co sector da cultura.

“Como é posible que a única declaración que ten feito Feixóo sobre este asunto sexa dicir que a cuestión se limita a pechar dous ou tres bares na Mariña? O presidente da Xunta non é capaz nin de concretar que establecementos se pecharon? Que clase de frivolidade é esta cando se está falando da saúde das persoas? Que clase de irresponsabilidade? Tivo catro meses para facer un protocolo de actuación precisamente para afrontar unha situación como a que se está vivindo na Mariña, onde está ese protocolo?”, interpelaba Pontón.

A candidata á Presidencia tivo palabras de alento e de confianza para as persoas afectadas pola COVID19 e para o conxunto da comarca, e puxo ao BNG a súa disposición desde a total colaboración. “Quero enviar unha mensaxe de ánimo e de afecto a todas as persoas afectadas polo coronavirus e desexarlles unha pronta recuperación, e tamén as persoas confinadas, a elas e a toda a comarca, quero enviarlles unha mensaxe de tranquilidade e de confianza”, indicou.

“E, desde logo, trasladar que o BNG está a disposición dos galegos e das galegas porque o prioritario é a saúde da nosa xente e non debemos esquecer que estamos no medio dunha pandemia”. Neste sentido, o BNG tomou a decisión de cancelar todos os actos públicos de campaña na Mariña, “por prudencia e responsabilidade”, incluído o mitin previsto na tarde do sábado no concello de Barreiros.

Pontón subliñou que a Xunta ten competencias plenas en sanidade e a responsabilidade de establecer un protocolo claro, que concrete os pasos a dar, os medios a mobilizar, as medias inmediatas a adoptar, a cadea de mando que hai que seguir, a coordinación de todos os axentes implicados, todo co obxectivo de minimizar calquera rebrote. Pero nada diso se fixo até agora, criticou.

“En lugar de ter ese protocolo o que vemos é o candidato Feixóo comparece todos os días en actos de campaña electoral, pero non está cumprindo as súas obrigas como presidente do Goberno”, alegou Pontón, a quen ningunha “obrigación” lle parece máis perentoria neste momento “que ter un protocolo para afrontar unha situación que todos e todas sabíamos que se podía producir, esa é a responsabilidade que ten a Xunta de Galiza e, insisto, pregúntolle a Feixóo onde está o protocolo para afrontar unha situación de rebrote cando tivo catro meses para elaboralo. Considero que é unha irresponsabilidade actuar coa frivolidade que está mostrando estes días”, concluíu.

 

Ana Pontón critica a improvisación e a frivolidade de Feixóo ante o rebrote da COVID19 na Mariña e pide un protocolo urxente de actuación