Ana Pontón compromete un novo modelo enerxético respectuoso co medio ambiente, baseado na innovación e ao servizo de Galiza

Foro Enerxía e Clima
Foro Enerxía e Clima

Defende un cambio de paradigma no sector fronte ao modelo do PP que deixa un balance de 14 anos ao servizo dos lobbies eléctricos

Aposta pola participación pública e por ordenar o desenvolvemento enerxético e denuncia a perda de 4.000 empresas e 7.000 empregos no sector

A portavoz nacional, Ana Pontón, comprometeu un novo modelo enerxético “galego, respectuoso co territorio, baseado na innovación e que responda aos intereses de Galiza”, fronte ao modelo do PP que deixa un balance de 14 anos ao servizo dos lobbies eléctricos, impulsando pola porta de atrás, tamén agora, “no seu tempo de desconto”, a desregulación do sector, “sen importarlle o medio ambiente, o rural e o desenvolvemento económico do País”.

Así o manifestou na súa intervención durante a xornada de traballo sobre enerxía e clima que desenvolveu o BNG coa comunidade que traballa neste ámbito de actuación, de cara a coñecer e recoller as súas propostas para a elaboración do programa de goberno do Bloque nesta materia.

Pontón apostou por aproveitar a potencialidade de Galiza á hora de afrontar a transición enerxética para que esta se converta nunha oportunidade de desenvolvemento para o País, o que implica un cambio de modelo que permita que a transición sexa xusta, sustentable e estea ao servizo das maiorías sociais, “con algo tan revolucionario neste País como poñer a enerxía ao servizo da sociedade galega”, ironizou.   

“Non pode ser que Galiza soporte os custes de produción e que os beneficios non queden no País”, advertiu logo de apuntar a perda de tecido empresarial e emprego no sector industria-enerxía co modelo do PP: en 2022, 4.000 empresas menos que en 2008 e en 2021, 7.000 empregos menos que en 2009. E agora “impulsan unha empresa de maioría privada que repite o modelo fracasado” que xa se levou a cabo cos fondos europeos que ían impulsar o País, criticou. 

Fronte a un PP que aposta pola “desregulación mentres drena recursos á privada e lle pon unha alfombra vermella aos lobbies enerxéticos”, a portavoz do BNG propón un “modelo de futuro” que blinda a custodia medioambiental, garante a participación pública e ordena o desenvolvemento enerxético para que Galiza se beneficie do seu papel produtor e do seu potencial nas renovables.

Mapa de ordenación enerxética

Neste sentido, puxo sobre a mesa algúns dos compromisos nacionalistas neste ámbito de actuación, entre os que citou a elaboración dun mapa de necesidades e ordenación enerxética onde estean recollidas todas as tecnoloxías do mix enerxético, dado que o potencial galego non se limita á eólica ou á hidráulica, senón que tamén se dá na solar, na biomasa, nos biocombustibles ou na xeotermia.

Un mapa que, segundo explicou, debe contemplar elementos como a preservación medioambiental, a ordenación do territorio ou a cohabitación con outras actividades económicas, que deben guiar o establecemento de diferentes zonas de explotación enerxéticas. “Non se pode ver única e exclusivamente o desenvolvemento enerxético dun País co monopolio dunhas tecnoloxías sobre outras que o único criterio que utilizan é o da rendibilidade empresarial que non é sinónimo da rendibilidade social”, indicou.

Nesta liña, apostou por parar o “boom eólico depredador” impulsado polo PP e poñer en marcha un novo modelo eólico baseado na planificación, a innovación e a reindustrialización, así como por impulsar a enerxía de proximidade, incentivando o autoconsumo e as comunidades enerxéticas, experiencias que xa se están levando con éxito en concellos gobernados polo BNG como os de Moeche, O Rosal, As Neves ou Moaña.

Pontón considerou preciso un cambio de paradigma no ámbito enerxético e, “fronte ao negocio especulativo concentrado nunhas poucas mans”, reafirmou o compromiso do Bloque de “situar os recursos enerxéticos como bens públicos ao servizo da maioría social” coa promoción da participación pública e directa no sector a través dunha empresa 100% pública ou medidas como a declaración de aproveitamento enerxético  do vento como ben de dominio público (en réxime de concesión, como a hidráulica).

A isto sumou a vinculación da explotación enerxética ao impulso de plans industriais asociados que teñan indicadores obxectivos de seguimento, así como a promoción que unha parte dese desenvolvemento estea vinculado á industria de compoñentes afincadas no País.

Por último, defendeu tamén a vinculación da produción á innovación e á creación de emprego e tecido industrial para o que comprometeu a creación dun polo de innovación e experimentación en enerxía -que aglutine universidades, centros de investigación e tecnolóxicos, o INEGA e todo o tecido empresarial- co obxectivo de abordar transversalmente cuestións tan importantes como o desenvolvemento tecnolóxico, a electrificación da enerxía e a transferencia de coñecemento ou plans de mellora na cadea produtiva en sectores estratéxicos como o primario.

“É o momento de asentar as bases para esa Galiza que vén, que é unha Galiza que quere que a enerxía que se produce no País se poña ao servizo da sociedade e dun desenvolvemento sustentable”, concluíu.  


 


 

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG