A portavoz nacional, Ana Pontón, fixo un chamamento á mobilización neste 25 N contra todas as formas de negacionismo machista que practica a dereita e a extrema dereita, o que considerou un dos grandes obstáculos na propia loita contra a violencia de xénero.
“Desde o BNG queremos facer un chamamento á mobilización este 25N contra un dos grandes obstáculos que temos a día de hoxe na loita contra a violencia machista que é ese negacionismo, activo ou pasivo, que está facendo a dereita tanto no Estado como en Galiza” afondou, para reprobar a continuación os seus ataques ao feminismo, que foi precisamente o que “fixo avanzar durante todos estes anos contra a violencia machista”.
Pontón criticou a actitude do PP en Galiza neste ámbito de actuación, cun Executivo de Alfonso Rueda que non só recorta recursos na loita contra a violencia machista, senón que mesmo foi quen de manter a un conselleiro no cargo durante meses pese a saber que estaba denunciado por agresión sexual.
“Como nos podemos fiar dun Goberno do Partido Popular que mantivo durante meses a un conselleiro sentado no Consello da Xunta a pesar de que sabían que tiña unha denuncia por unha agresión sexual?”, reflexionou.
A líder nacionalista cuestionou como é posible fiarse dun goberno que “despediu a este presunto agresor sexual entre aplausos na sede da Xunta” e recalcou que “apoiar a un presunto agresor sexual, mentres se ignora á muller que denuncia” tamén “é unha forma de nagacionismo”.
Este “negacionismo institucional”, alegou, envía unha mensaxe demoledora ao conxunto da sociedade e particularmente ás mulleres que sofren violencia machista, xa que o que lles está dicindo é que “desde as institucións non as cren”, unha “mensaxe moi perigosa”, recriminou.
Neste sentido, alertou da “involución” en materia de igualdade e loita contra a violencia de xénero promovida por determinados sectores que queren ir “cara atrás”, cunha “extrema dereita que nega a propia existencia da violencia machista e un Partido Popular que vai de ganchete con esa extrema dereita”, polo que avogou por combater todas as formas de negacionismo, tanto “as máis directas”, como as máis sutís”.
“Hai que combater que se pacte cunha extrema dereita que nega a existencia da violencia de xénero, pero tamén que se recorte recursos para loitar contra a violencia machista como está facendo a Xunta para o ano 2026”, subliñou, para reprochar a continuación ao Goberno do PP que recortara en máis dun millón de euros os recursos dos Orzamentos do próximo ano destinados á loita contra a violencia machista.
Pontón lembrou que durante a presidencia de Núñez Feijóo, o Executivo do PP xa recortara tamén as axudas ás vítimas de violencia machista -que aínda a día de hoxe son máis baixas que as que había en 2009- e que leve seis anos incumprindo a Lei galega contra a Violencia Machista, ao non garantir a atención psicolóxica ás vítimas na atención primaria. “Nin tan sequera un terzo das mulleres vítimas de violencia de xénero están recibindo esta axuda”, criticou a un Goberno do PP que, recordou, tamén eliminou no ensino a igualdade como materia optativa.
Incumprimentos sistemáticos da lexislación actual que non só denuncia o BNG, senón tamén o Consello de Contas, que nun contundente informe vén de revelar que a Xunta recortou os fondos de prevención e sensibilización na loita contra a violencia machista até convertelos en “residuais” e que deixou sen executar o 11,3% dos recursos do Pacto de Estado contra a violencia de xénero, subliñou.
E isto pese a que os datos oficiais evidencian unha demoledora realidade en Galiza, con 60 mulleres asasinadas desde 2008, 6.133 casos activos neste momento no sistema VioGén e 21 denuncias diarias nos xulgados, evidenciou a líder nacionalista, quen tamén quixo lembrar ás últimas mulleres asasinadas no País por unha violencia de xénero que considerou “a forma máis brutal de desigualdade que percorre a sociedade”.
Neste contexto, a portavoz nacional reafirmou a aposta do BNG por reforzar a loita contra as violencias machistas destinando “máis recursos, máis medios e máis políticas feministas” e, neste sentido, salientou tres propostas concretas do decálogo de prioridades establecido pola organización nacionalista neste ámbito de actuación.
A primeira, destinar un de cada 100 euros do Orzamento da Xunta á loita contra a violencia de xénero. “Estamos falando de salvagardar a vida das mulleres e cremos que destinar o 1% do orzamento sería un paso adiante moi importante”, remarcou.
En segundo lugar, avogou por dar cumprimento á lexislación vixente garantindo que a atención psicolóxica ás vítimas na atención primaria, unha prestación que se podería atender contratando 100 psicólogas e psicólogos que desenvolvan a súa actividade nos centros de saúde do País.
E, por último, propuxo estender a rede de Centros de Información ás Mulleres (CIM) a todo o territorio galego -garantindo que non se van privatizar estes servizos, como está facendo o Executivo do PP- para que todas as mulleres teñan cerca do lugar no que residen un centro no que recibir información e atención, xa que hoxe en día hai “unha zona de sombra moi importante no territorio” que provoca a desigualdade no acceso a un recurso que debe ser universal.
“En definitiva, estamos ante un novo 25N, onde vemos que o importante é seguir dicindo que abonda xa de violencias machistas, que as mulleres queremos ser libres e iguais, que non queremos ter medo e, desde logo, que temos o dereito a vivir sen violencia e, para iso, son necesarios máis medios, máis recursos, e máis vontade”, resumiu Pontón, que concluíu apelando a facer fronte á involución da dereita e da extrema dereita “que claramente están camiñando en contra dos dereitos das mulleres”.