municipais 2023

Ana Pontón apela a sumar no BNG o voto rebelde e inconformista para derrotar nas urnas a un PP enlamado na corrupción

Francisco Jorquera e Ana Pontón
Francisco Jorquera e Ana Pontón

Anima a abrir un tempo novo para construír unha Galiza en grande desde os concellos a toda esa cidadanía crítica “que quere máis para este País”

Subliña que Jorquera é a alternativa para todas as persoas que queren outro modelo de cidade para A Coruña

A portavoz nacional, Ana Pontón, estivo en Coruña acompañando ao candidato á Alcaldía, Francisco Jorquera, onde fixo un chamamento a sumar no BNG o voto de todas as persoas que anhelan construír unha Galiza en grande e libre da corrupción do PP, e queren empezar a facelo polos concellos este 28M.

“Pídolles a todas as persoas que levan Galiza na cabeza e no corazón que unan o seu voto no BNG, é o momento de que todo o voto inconformista e rebelde se sume na papeleta do BNG, porque temos capacidade para poder construír un País mellor desde os concellos, esa garantía é coa que nos presentamos este próximo 28 de maio”, proclamou, subliñando ademais que esa nova Galiza que aspira a poñer en marcha, suporía rexenerar a democracia e deixar atrás a corrupción do PP.

“Quero dicirlle a toda esa cidadanía inconformista que fronte a un PP que ampara a corrupción con tal de manterse no poder, que fronte un Feijóo e a un Rueda que están amparando a corrupción de Baltar e Jácome, a alternativa é o BNG; que fronte a un PP desnortado, enlamado na corrupción, que non ten nada que ofrecerlle a Galiza, a alternativa o 28 de maio é o voto ao BNG”, reiterou.

Candidatura A Coruña
Candidatura A Coruña

Por iso, convidou a encher as urnas “de rebeldía e de inconformismo”, facendo “unha aposta clara pola rexeneración democrática”, porque este País merece moito máis do que estamos a ver en Ourense, recalcou, en relación aos sucesivos escándalos protagonizados tanto polo presidente da Deputación como polo alcalde letal, e despois de que a prensa difundira que o propio Feijóo era coñecedor da trama de Jácome pero que seguiu mirando para outro lado para manterse no poder.

“Fronte a todo iso, a alternativa é o BNG para ese voto inconformista e rebelde dunha cidadanía crítica que quere máis para este País, que está convencida de que podemos construír unha Galiza en grande, que deixe atrás todo este branco e negro que representa o PP”, recalcou.

A líder do Bloque fixo estas declaración na Coruña acompañando a Jorquera na presentación da ambiciosa proposta de área metropolitana, para poñer en marcha unha ferramenta capaz de mellorar a vida e as oportunidades dunha poboación de 600.000 persoas, xerando oportunidades e sumando sinerxías no económico, no social e no cultural.

Pontón instou a sumar na candidatura que encabeza Jorquera o voto de todos os coruñeses e coruñesas que queren poñer en marcha un modelo alternativo de cidade “de vangarda, sustentable, feminista, en verde e máis xusta”, unha cidade, dixo “que debe recuperar o seu impulso, saír da rutina e dar un paso adiante para converterse nun referente tanto dentro como fóra de Galiza. No BNG confiamos na Coruña, porque o ten todo: potencial, sectores económicos potentes, xente traballadora e capacidade para poder innovar, pero necesita un novo impulso e un novo modelo de cidade que é o que representa e defende Jorquera”, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG