No marco da Asemblea paritaria Euro-Latinoamericana (EuroLat), a eurodeputada do BNG, Ana Miranda, estreouse como copresidenta do Foro coa Sociedade Civil denunciando as políticas baseadas no extractivismo que desenvolve a Unión Europea en América Latina. Ademais, defendeu o aumento da protección para todas as persoas que defenden os dereitos humanos, xornalistas, organizacións medio ambientais e, por suposto, os pobos orixinarios.
A eurodeputada galega salientou na súa intervención como copresidenta a relevancia da Asemblea EuroLat “para manter un diálogo continuo entre a UE e América Latina e o Caribe”. Neste marco, destacou a importancia de celebrar un Foro coa sociedade civil tendo en conta o papel que esta xoga nas democracias. Ao respecto, subliñou que as ONG’s, as persoas defensoras dos dereitos humanos e os xornalistas independentes son piares esenciais para o benestar e a protección do Estado de dereito.
“No contexto actual debemos garantir que estas voces non se silencien, porque o seu labor é crucial para soster o tecido social dos grupos máis vulnerables —especialmente en América Latina e o Caribe— fronte a decisións políticas e lexislativas que poñen en risco millóns de vidas”, manifestou Ana Miranda, quen fixo referencia ás consecuencias que ten para a sociedade civil o recorte en programas para o desenvolvemento que levan a cabo países como Estados Unidos, entre outros, e que supón un forte deterioro dos dereitos humanos e da protección do medio ambiente.
Xornalismo de investigación
“Son consciente das consecuencias da inacción climática, e estou convencida de que Europa non debería compensar a financiación estadounidense perdida con acordos prexudiciais para o medio ambiente”, manifestou a eurodeputada galega, quen subliñou que as organizacións da sociedade civil son as que loitan en primeira liña por garantir os dereitos humanos fundamentais das súas comunidades e a construción de paz, polo que defendeu que deben recibir apoio.
Ana Miranda tamén fixo referencia a situación de grave risco que atravesan os medios de comunicación independentes, xa que o seu financiamento internacional é crucial para soster o xornalismo de investigación que expón casos de corrupción, denuncia abusos de dereitos humanos e combate a desinformación.