A eurodeputada do BNG e integrante da Comisión de Desenvolvemento e Cooperación, Ana Miranda, defendeu que os fondos de cooperación internacional ao desenvolvemento se manteñan de forma descentralizada para evitar a súa privatización, tal e como pretende a Comisión Europea. Ademais, fixo fincapé no traballo que está desenvolvendo polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, tanto polo seu labor de proximidade e a labor de sensibilización.
Subliñouno así Ana Miranda na súa intervención no III Encontro de Gobernos Locais e Cooperación Internacional ao Desenvolvemento, onde participa xunto a alcaldesa de Barreiros, Ana Ermida. A eurodeputada galega tamén alertou de que a cooperación das cidades galegas con outras cidades do mundo pode desaparecer co novo instrumento da Comisión Europea sobre cooperación internacional, denominado Global Gateway.
Neste sentido, explicou os problemas que afronta a cooperación ao desenvolvemento e a cooperación descentralizada en Bruxelas. Sinalou que co Global Gateway a loita contra a pobreza e a desigualdade en todo o mundo xa non é unha prioridade e a cooperación descentralizada das entidades locais queda no aire. Pola contra, o Global Gateway promove os intereses comerciais e xeopolíticos da UE, fomenta a privatización das infraestruturas e os servizos públicos no sector enerxético no Sur Global e ameaza con aumentar a carga da débeda dos países socios.
Ataques da dereita
A respecto do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade a eurodeputada galega subliñou o traballo que desenvolven 118 concellos galegos, que teñen a prioridade de establecer vínculos directos con administracións locais de países do sur para cooperar e compartir experiencias. Porén, Ana Miranda sinalou as dificultades que existen na actual lexislatura no Parlamento Europeo, “onde estamos a expensas de unha dereita e extrema dereita que ataca o traballo da sociedade civil e cuestiona cuestións tan básicas como a ciencia, o quecemento global ou a axuda ao desenvolvemento e a cooperación”.