Parlamento Europeo

Ana Miranda reclama á Comisión Europea acceso á documentación do procedemento de infracción aberto pola prórroga ilegal da AP-9

Ana Miranda
Ana Miranda
A eurodeputada do BNG denuncia a falta de transparencia para coñecer a documentación dos casos que afectan ás galegas e aos galegos

Despois de trasladar á Defensora do Pobo Europeo, Teresa Anjinho, as dificultades impostas pola Comisión Europea para acceder á documentación sobre temas que afectan directamente as galegas e aos galegos, a eurodeputada do BNG, Ana Miranda, volve presentar unha pregunta á CE para coñecer a información relativa ao procedemento de infracción aberto pola prórroga ilegal da AP-9.

A eurodeputada galega tamén solicita ter acceso á resposta dada polo Goberno español ao Ditame motivado que emitiu a Comisión Europea o pasado 17 de xullo no que solicitaba ao Estado español (INFR(2021)4052) que respetara as normas da UE en materia de contratación pública, incluídos os contratos de concesión.

“É moi grave que a Comisión Europea impida o acceso á documentación”, denuncia Ana Miranda, quen lembra que o procedemento de infracción foi aberto en 2021 pola Comisión Europea contra o Estado español pola prórroga da xestión da AP9 que realizou o PP no 2001 -e que supón a prórroga das peaxes até o 2048-, e a incompatibilidade desta prórroga coas normas de contratación pública da UE.

Interese público

Ademais de trasladarlle esta cuestión á Defensora do Pobo Europeo, a eurodeputada do BNG xa levou a cabo diversas iniciativas relacionadas co acceso á documentación. Así, ademais de presentar varias preguntas parlamentares para a súa resposta escrita, presentou unha solicitude a través do portal de transparencia para ter acceso aos documentos do expediente INFR(2021)4052 por incumprimento da normativa europea na ampliación da concesión da AP9.

“Consideramos que hai un interese público porque as galegas e os galegos estamos pagando por unha autoestrada que é das máis caras de Europa”, defende Ana Miranda quen considera que “temos o dereito como eurodeputada e como cidadáns en saber que está decidindo a Comisión Europea e cales van ser os prazos para que o Estado español cumpra e deixe por fin liberada esta autoestrada do Atlántico, para que sexa libre e gratuíta”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG