Parlamento Europeo

Ana Miranda insta á Comisión Europea a actuar pola inacción da Xunta diante da contaminación no embalse das Conchas

Ana Miranda
Ana Miranda
A eurodeputada do BNG presenta unha pregunta dirixida á CE sobre o desleixo para solucionar os problemas de contaminación da auga

A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, vén de presentar unha pregunta dirixida á Comisión Europea sobre os incumprimentos do Estado español e da Xunta de Galiza, -que ten a competencia- de combater a contaminación por cianobacterias no encoro das Conchas, tendo en conta que a auga que se verte actualmente ao río Limia desde megagranxas contén 97 millóns de cianobacterias perigosas por litro.

“É inadmisible o desleixo do goberno galego e a súa falta de actuacións para solucionar os problemas de contaminación”, salienta a eurodeputada galega, quen explica que diante da inacción do Estado español e da Xunta de Galiza, a Comisión remite o asunto ao Tribunal de Xustiza Europeo. Ademais, explica que esta contaminación do encoro das Conchas, causada por cianobacterias procedentes de granxas porcinas xa foi obxecto de varias demandas europeas, entre elas as presentadas ante a Comisión de Peticións do Parlamento Europeo, en concreto a Petición núm. 1057/2018, sobre os efectos da gandería intensiva no Val da Limia.

Procedemento de infracción

En concreto, esta petición aínda está aberta, xa que está relacionada cun procedemento de infracción en curso, de acordo coas directrices da Comisión de Peticións. Na súa última resposta recibida por esta Comisión o 12 de xaneiro de 2024, a Comisión Europea subliñou o seguinte: “En decembro de 2021, a Comisión decidiu remitir a España ao Tribunal de Xustiza das Comunidades Europeas (asunto número C-576/22) xa que considerou que España aínda debe tomar medidas adicionais para evitar a eutrofización en todo o país; revisar e designar zonas vulnerables aos nitratos en varias rexións, incluída Galiza; incluír todos os elementos obrigatorios necesarios nos programas de acción para algunhas rexións; e tomar medidas adicionais para as rexións onde as medidas establecidas resultaron insuficientes para alcanzar os obxectivos da Directiva sobre nitratos”.

Por outro lado, a pregunta remitida por Ana Miranda á Comisión Europea sinala que os estudos presentados pola Asociación de Veciños das Conchas ás autoridades xudiciais galegas contra o goberno autonómico advirten de que a incidencia do cancro na zona supera a doutras comarcas galegas.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG