Parlamento Europeo

Ana Miranda defende que as vilas teñan acceso aos fondos europeos de reconstrución para crear emprego

MIranda reunión redeiras Malpica
MIranda reunión redeiras Malpica
A portavoz do BNG en Europa reuniuse co sector oleiro, redeiro e pesca de Malpica de Bergantiños xunto ao candidato número 6 da lista da Coruña

A portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, fixo fincapé en que as vilas deben ter acceso aos fondos europeos de reconstrución no obxectivo de paliar as graves consecuencias económicas causadas polo COVID19, especialmente no tocante á creación de emprego. “É imprescindible aproveitar os fondos da Unión Europea para poñer en marcha proxectos de país, que sirvan para poñer en valor o potencial que temos e para mellorar a situación económica”, salientou Miranda nos diversos encontros sectoriais que mantivo en Malpica de Bergantiños.

Sector oleiro, redeiras e confraría de pescadores integraron as principais xuntanzas que mantivo Miranda ao longo das dúas xornadas, xunto ao candidato número 6 da lista da Coruña, Daniel Pérez, e os concelleiros nacionalistas da localidade, Daniel Reixía e Leticia Varela. “Calquera dos sectores desta comarca ten un gran potencial que debe ser aproveitado, tanto desde o punto de vista cultural como económico”, afirmou a portavoz do Bloque en Europa.

“É un problema que nin a Xunta nin o Estado trasladen a Bruxelas información concreta e detallada da situación que atravesa Galiza”, manifestou Ana Miranda, quen puxo como exemplo a loita mantida conxuntamente polo BNG e o sector pesqueiro para que non se prohibise a arte do xeito. “É fundamental ir directamente a Bruxelas a negociar”, subliñou facendo referencia ás negociacións bilaterais que mantén Escocia na defensa dos seus intereses estratéxicos.

“Por estas razóns é fundamental o cambio no goberno galego”, salientou Miranda, quen considerou que a entrada do candidato do BNG Daniel Pérez no Parlamento de Galiza suporá un impulso indubidable á comarca de Bergantiños. Neste Asemade Ana Miranda destacou o traballo que está desenvolvendo o grupo municipal do Bloque en Malpica. “O traballo firme, a escoita de iniciativas que propoñen os diferentes sectores e a ilusión definen as nosas prioridades no concello”, manifestan Daniel Reixía e Leticia Varela, recalcando que o BNG municipal quere ser “unha canle de transmisión para que os diversos problemas e inquedanzas da cidadanía poidan ser tratados no Parlamento galego, estatal e europeo”.

Recoñecemento legal das redeiras

Ana Miranda destacou, por outro lado, o importante que resulta que as redeiras conten co recoñecemento legal da súa profesión. “Non só para que poidan acceder as axudas europeas, senón tamén para que poidan desempeñar o seu labor nunhas condicións dignas”, subliñou durante o encontro que mantivo coa asociación de Redeiras O Fieital, cuxa secretaria, Angeles Millé, participou na xornada Mulleres do Mar que tivo lugar en Bruxelas no pasado mes de febreiro organizado por Ana Miranda. Precisamente grazas a este traballo, a Rede Europea de Mulleres da Pesca e a Acuicultura conta xa con tres representantes galegas. “Temos que seguir reivindicando a mellora das condicións laborais das redeiras, porque sen elas non hai pesca”, afirmou.

Por outro lado, durante a reunión co sector Oleiro de Buño, Ana Miranda sinalou que en Europa existen vilas que viven da cerámica, “algo que podería acontecer en Buño, impulsando unha economía sustentable”. Neste encontro, no que participou a representante do colectivo, Carmen Labrador, a portavoz nacionalista lamentou que a Xunta non explique ao sector as diversas posibilidades que existen aproveitando os fondos europeos. O candidato nacionalista, Daniel Pérez expresou o seu firme compromiso na defensa dos sectores produtivos, pero tamén co potencial que ten a olería como patrimonio xerador de emprego na comarca. “No BNG queremos ser a voz da cidadanía”, subliña.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG