Parlamento Europeo

Ana Miranda defende que o FEMPA inclúa financiamento para a renovación da frota que inclúa medidas de eficiencia enerxética

Ana Miranda
Ana Miranda
A eurodeputada do BNG anuncia a presentación de emendas ao informe sobre a descarbonización da frota pesqueira

No debate sobre descarbonización e modernización da frota pesqueira na UE, que hoxe tivo lugar na Comisión de Pesca da Eurocámara, a eurodeputada do BNG, Ana Miranda, alertou de que “non existe unha alternativa para ter un calendario de descarbonización realista, non o digo eu, o di o departamento de Economía Pesqueira e Recursos Naturais, ECOPESCA, da USC”. Así, anunciou que o BNG presentará emendas ao informe correpondente sobre descarbonización.

“No momento actual non hai unha alternativa real para a descarbonización”, manifesta a eurodeputada galega, quen destaca que “por suposto que sería necesaria, pero hai que ter en conta que non existe unha solución que poida aplicarse igual en todos os casos e en todo tipo de frotas”, polo que defendeu que debería facerse unha “avaliación detallada e realista”.

Neste sentido, Ana Miranda expresou a preocupación do impacto da descarbonización na frota artesanal, que en Galiza afecta a 4.000 embarcacións, e sinalou a dificultade de implantar medidas nestas embarcacións, xa que contan con moi pouco espazo, “algo que hai que ter en conta para calquera cambio tecnolóxico”.

Na súa intervención, a eurodeputada do BNG defendeu que a transición enerxética “debe implantarse cando haxa alternativas” e apuntou que o FEMPA non está preparado actualmente para atopar solucións”. Neste sentido subliñou que a modificación do FEMPA debería incluír o financiamento da renovación da frota cando os buques inclúan medidas de eficiencia enerxética. Ademais, sobre os impostos Miranda sinalou que son eficaces se existen medidas complementarias e a fiscalidade afecta non só á pesca europea, senón tamén ao resto das frotas, para que haxa estándares iguais para todas as frotas.

Gran Sol

Sobre o acordo pesqueiro con Reino Unido sobre o acceso aos caladoiros do Gran Sol, a eurodeputada galega sinalou que, tras anos de reducións, da un respiro para a frota galega que faena no Gran Sol pese a que considera que “non é demasiado xusto”. “Felicitámonos pola redución da redución”, sinalou ao respecto ao tempo que asegurou que “estaremos moi atentas á evolución do acordo”.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG