Ana Miranda defende na Eurocámara a protección da pesca artesanal e o marisqueo fronte ás ameazas da contaminación

Ana Miranda
Ana Miranda
A eurodeputada do BNG subliña que as rías galegas son espazos de biodiversidade únicos no mundo que deben ser especialmente protexidas

A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, subliñou no Parlamento Europeo a necesidade de protexer a pesca artesanal e o marisqueo galegos fronte a distintas ameazas que están sufrindo. Salientou ademais que as rías son un espazo de biodiversidade único no mundo do que depende o modo de vida de moitas familias en Galiza, polo que teñen que ser especialmente protexidas.

“Como eurodeputada galega, defendín no Parlamento Europeo que se protexa a nosa pesca artesanal e o noso marisqueo nas zonas costeiras marítimas galegas”, subliñou Ana Miranda, en relación a súa intervención nun debate relacionado coa protección do espazo marítimo, denominado “Repercusións da aplicación da Directiva 2014/89/UE sobre a ordenación do espazo marítimo para a pesca en certas zonas de pesca”.

Ao seu xuízo, as rías son “zonas sensibles” que teñen que ser protexidas de ameazas variadas como a eólica mariña, a contaminación, proxectos como o que foi Altri, ameazas como Ence, que sigue contaminando a ría de Pontevedra e ameazas de contaminación tamén por residuos, “porque estamos vendo que segue aberto ese procedemento de infracción por xestión de residuos a nivel da Comisión Europea”.

Coñecer as consecuencias

“O goberno galego non está tomandoas medidas suficientes e ademais ampara proxectos contra a pesca e contra o marisqueo. Hai un clamor social contra eses proxectos de eólica mariña pero tamén unha advertencia ao Estado”, denuncia a eurodeputada do BNG, quen salienta que non debe aplicarse o POE, o Plan de Ordenación Marítimo-Costeiro, porque mentras non se vexan as consecuencias que pode ter a eólica mariña na pesca artesanal e o marisqueo, pode ser moi grave para ese medio de vida de tantas familias galegas na costa.

“Nós estamos advertindo que non queremos que veñan fondos europeos para amparar esa contaminación e que debe protexerse precisamente pola importancia que ten un sector pesqueiro, marisqueiro e de cultivo mexillón único no mundo”, manifestou Miranda, quen na Comisión de Pesca da Eurocámara defendeu a necesidade de levar a cabo unha profunda reforma da Política Pesqueira Común que teña en conta da sector pesqueiro galego e que protexa a pesca artesanal e o marisqueo e teña fondos suficientes para que o sector pesqueiro e marisqueiro poida sobrevivir, freando a continua destrución de emprego.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG