PARLAMENTO EUROPEO

Ana Miranda critica que o ministro Abalos se reúna coa comisaria de Transporte da UE en período electoral

visita Alvia Comisión Europea
visita Alvia Comisión Europea
O BNG denuncia o retraso de 18 meses no cumprimento dos requirimentos do procedemento de infracción en materia de seguridade ferroviaria
Ana Miranda critica que o ministro Abalos se reúna coa comisaria de Transporte da UE en período electoral

A portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, critica o uso electoralista que fai o PSOE do accidente do Alvia, ao trasladarse o ministro de Transportes, José Luis Ábalos, a Bruxelas para reunirse coa comisaria de Transportes, Adina Valean, en plena campaña electoral das eleccións galegas. “É unha indecencia que o ministro priorice a reunión coa comisaria sobre as vítimas, que levan ano e medio solicitándolle un encontro”, denuncia Miranda.

“Nin PP, nin PSOE nin Podemos teñen a máis mínima interese por coñecer a verdade e proporcionar xustiza e reparación ás vítimas, porque senón dende os sucesivos gobernos cumpriríase o mandato de Bruxelas de abrir unha comisión técnica”, manifesta Ana Miranda, quen lembra que o accidente do Alvia produciuse hai case 7 anos e xa hai máis de ano e medio –en concreto en xaneiro de 2019- que a Comisión Europea abriu un procedemento de infracción contra o Estado español por incumprimento da lexislación europea en materia de seguridade ferroviaria.

Segundo destaca a portavoz do Bloque en Europa, “os distintos gobernos do Estado de PP e PSOE non só non traballaron por coñeceron as causas profundas do accidente, senón que adiaron permanentemente os requirimentos da CE, solicitando sucesivas prórrogas; pero lamentablemente tamén vemos como desde Podemos non fan nada para que se faga unha investigación independente”.

Evitar outro accidente

“Parece que PP, PSOE e Podemos están de acordo en que non se presente un plan para que non volve a ocorrer un accidente como o do Alvia, que desde o BNG debe ser a prioridade principal”, sinala Ana Miranda, quen apunta que desde a apertura do procedemento de infracción sucedéronse dous os gobernos do PSOE, un en solitario e outro en coalición con Unidas Podemos.

O procedemento de infracción iniciado pola Comisión Europea foi aberto contra o Estado español como consecuencia da denuncia presentada polo BNG na Comisión Europea en 2017 contra o Estado, o Ministerio de Fomento, ADIF e RENFE por infracción do dereito comunitario en materia de seguridade ferroviaria e por non facer o control de riscos que esixe a norma no caso do accidente do Alvia.


 

Ana Miranda critica que o ministro Abalos se reúna coa comisaria de Transporte da UE en período electoral