AP-9 galega e sen peaxes

ap9galega

Galiza precisa dun deseño e xestión propia das súas infraestruturas. Poñamos fin á estafa legal das peaxes da AP-9.

A situación da AP-9

A  AP-9 é unha infraestrutura estratéxica para o noso país. Vertebra toda a franxa atlántica, de Ferrol a Vigo, e resulta de importancia vital para a mobilidade interna e o desenvolvemento económico da Galiza.

A súa xestión é, desde a orixe, de competencia estatal. O inicio da concesión remóntase a 1973. No ano 2000, cando xa tiñan transcorrido 27 anos de dereito de explotación, o Goberno de Aznar ampliou a concesión até o 2048, esgotando o máximo legal de 75 anos.

bolsa-citi2Tres anos despois o PP procedeu á súa privatización. Por 1.586 millóns de euros foi adxudicada ao grupo empresarial encabezado por SACYR, unha das empresas emblema da burbulla inmobiliaria española. A decisión supuxo fortes incrementos de prezos sen que mellorase nin a capacidade das vías nin a calidade do servizo.

SACYR vendeu a autoestrada no ano 2008 a un dos maiores grupos financeiros do mundo, o estadounidense Citigroup. Nestes anos de crise, as peaxes incrementáronse de xeito desproporcionado e xerou un forte descenso do número de usuari@s, provocando o colapso de vías alternativas.

Por que pedimos o rescate, transferencia a Galiza e supresión de peaxes?

1. Porque a AP-9 xa está amortizada.

A  AP-9 leva recadado en peaxes desde a súa apertura máis de 2.200 millóns de euros e xerou máis de 750 millóns de euros de beneficio.

2. Porque a xestión que padecemos é abusiva e discriminatoria.

Os beneficios que obtén a empresa non repercuten na mellora do servizo, ao contrario. As longas colas son habituais en determinadas épocas do ano e a iluminación e o asfaltado é deficiente en moitos tramos. Por riba, as e os usuarios habituais da AP-9 non poden beneficiarse de descontos polo seu uso frecuente, descontos que Itínere -o grupo onde se integra Audasa- si ofrece noutras autoestradas do Estado.

3. Porque Galiza precisa dun deseño e xestión propia das súas infraestruturas.

O deseño estatal de vías de grande capacidade obedece, de orixe, a unha concepción centralista e radial, allea por completo ás necesidades da realidade territorial, social e económica do noso país. A consecuencia é que temos unha maior facilidade de desprazamento cara a Madrid que cara dentro da propia Galiza.

O Parlamento Galego apoia a petición do BNG

pagandonaap9Desde hai anos no BNG vimos desenvolvendo diversas iniciativas sociais e institucionais para acabar coas elevadas peaxes e garantir a xestión galega da AP-9. A última, e máis importante, foi impulsar unha lei para solicitar a transferencia da xestión da AP-9 a Galiza, lei que finalmente foi aprobada polo Parlamento de Galiza por unanimidade.

Esta lei tiña agora que ser debatida no Congreso dos Deputados para a súa aprobación, mais o Goberno de Rajoy intentou vetar o seu debate no Congreso. Á marxe de supoñer un boicote directo á decisión soberana do noso Parlamento, os argumentos empregados para o veto son falsos e ocultan outra realidade: o Goberno español acaba de decidir rescatar con 8.000 millóns de euros as concesións ruinosas da varias autoestradas madrileñas adxudicadas a Bankia e a construtoras amigas do PP. No entando, ese mesmo Goberno permite que fondos voitre americanos especulen coa AP-9 a costa das necesidades dos galegos e galegas.

Por unha AP-9 galega, pública e libre de peaxes

Cargos institucionais do BNG pola transferencia da AP-9A nosa petición é clara. Queremos que remate a estafa legal das peaxes da AP-9, a través do rescate da concesión, da súa transferencia á Galiza e da supresión das peaxes.

Para iso desde o BNG entendemos precisa -e propuxemos ao resto de grupos- unha resposta unánime, de país, que defenda diante do Goberno español o acordo tomado polo Parlamento Galego.

Como podo colaborar?

Desde o BNG imos desenvolver e impulsar diferentes iniciativas sociais e institucionais sobre este tema nos vindeiros meses. Podes participar delas, axudar a divulgalas e colaborar con nós activamente.

Tamén podes mostrar o teu apoio nas redes usando o hashtag #AP9galega 

Sabías que...?

20.000 usuarios/as transitan pola AP-9 cada día.
Cada día AUDASA recada máis de 300.000 euros en peaxes.

Os galegos e galegas soportamos a autoestrada máis cara do Estado tendo os segundos salarios máis baixos.
Pagamos máis en peaxes no traxecto Ferrol-Vigo, con 17,65 euros de peaxes, que no traxecto de Ferrol a Madrid, onde as peaxes a pagar son de 16,2 euros. Páganse menos peaxes por viaxar desde A Coruña a Madrid que desde A Coruña a Vigo.

Galegas e galegos levamos pagado máis de 2.200 millóns de euros en peaxes, e os beneficios obtidos pola concesionaria superan os 743,8 millóns de euros.

O Goberno de Rajoy vai dedicar máis de 8.000 millóns de euros ao rescate das concesións de varias autoestradas madrileñas deficitarias, mais négase á supresión das peaxes da AP-9 galega. 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG