Vence destaca no Barbanza o “exemplo de loita” das vítimas das preferentes

O portavoz nacional, Xavier Vence, trasladouse até a Casa do Concello de Boiro para expresarlle a solidariedade do BNG ás familias vítimas da estafa das participacións preferentes que cumpren 100 días pechadas como medida reivindicativa para a recuperación íntegra dos seus aforros.

“O PP pasou de ser cómplice da banca especuladora a culpábel do espolio do aforro dos galegos e das galegas, pois vén de legalizar o roubo do peto de 62.000 persoas que foron vítimas dunha estratexia agresiva dos directivos das entidades para capitalizarse que colocaron produtos financeiros tóxicos con fraude, ocultación de información e abuso de confianza”, explicou o portavoz nacional. Cuestionou, deste xeito, a insensibilidade do PP ante o drama destas familias.

É un roubo ás persoas afectadas e a Galiza

Xavier Vence indicou, ademais, que a xente do Barbanza que permanece dende o 26 de decembro pechada no Concello de Boiro é “un exemplo de loita para demandar que o Goberno do PP recúe no caso da fraude das preferentes e garanta, como defende o BNG, a devolución da totalidade do diñeiro retido aos aforradores”. O BNG invita a toda a cidadanía a manifestar activamente o seu apoio á loita das persoas afectadas e a elevar a protesta contra un modelo de banca especulativa e espoliadora e contra un PP que se converteu no brazo executor dos ditados desa banca.

Así, demandou que Rajoy e Feijóo se sitúen a carón das persoas que precisan recuperar o seus aforros depositados e non sigan a favorecer a “banca especuladora”. Indicou tamén a necesidade de facelo para defender eses máis de 600 millóns de euros de aforros galegos que emigrarán fóra do noso País se se consuma ese roubo. “É un roubo ás persoas afectadas individualmente e un roubo a Galiza no seu conxunto”, afirmou, “que se ve acrecentado coa nova xente que aínda esta semana acaba de saber que tamén foi obxecto desta estafa”.

Encontro coa Plataforma da Sanidade

O portavoz nacional mantivo, previamente, un encontro en Ribeira con representantes da Plataforma pola Sanidade Pública do Barbanza, para coñecer de primeira man as demandas deste colectivo na comarca que comproba como “os recortes emprendidos polo PP serven de coartada para o desmantelamento dos servizos públicos e para beneficiar os intereses da sanidade privada”.

Esta visita do portavoz nacional á comarca do Barbanza enmárcase na rolda de contactos cos principais colectivos sociais do País, para lles dar a coñecer a posición e o apoio do BNG nas súas reivindicacións. En ambos encontros, tanto no da sanidade como no do peche de preferentistas, estiveron tamén membros da Executiva Nacional do BNG como Bieito Lobeira e Goretti Sanmartín, a deputada no Congreso Rosana Pérez, a deputada no Parlamento galego Ana Pontón, o responsábel comarcal do BNG da Barbanza, Severino Romero, e o alcalde de Rianxo, Adolfo Muíños, entre outros.

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG