Rego traslada a Sánchez o rexeitamento do BNG ao aumento do gasto militar

A proposta de rearme impulsada por Sánchez e a UE non contará co apoio do BNG, que reclama a redistribución dos fondos cara as necesidades sociais

“O Goberno debe abandonar a senda militarista e adoptar unha política internacional comprometida coa paz, o diálogo e a cooperación entre os pobos” di Rego

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, trasladou ao Presidente do Goberno do Estado, Pedro Sánchez, o rexeitamento frontal do Bloque Nacionalista Galego ás intencións do executivo e da Unión Europea de incrementar de forma desmesurada o gasto militar. "Non podemos aceptar que se prioricen os fondos públicos para alimentar a guerra no canto de investilos en políticas sociais, sanidade, educación ou en garantir unha transición ecolóxica xusta" asegurou Rego tras o encontro.

O deputado nacionalista acudiu á reunión mantendo con claridade a posición política do BNG: Galiza aposta pola paz, polo antimilitarismo e polo dereito dos pobos a decidir o seu futuro sen inxerencias. "O aumento do gasto en Defensa responde a unha lóxica belicista que non compartimos. Frente ao imperialismo e á escalada militarista da Unión Europea e os Estados Unidos de América, defendemos a cooperación entre pobos, a diplomacia e o desarmamento" reivindica Rego.

Néstor Rego e Pedro Sánchez
Néstor Rego e Pedro Sánchez

Aumentar o gasto en Defensa é unha decisión política, non unha necesidade

Néstor Rego asegurou que “a mellor forma de garantir a seguranza da cidadanía é investir en servizos públicos de calidade, en mellorar as condicións de vida das maiorías sociais e en fortalecer un sistema de benestar que protexa as persoas. Non en alimentar unha industria armamentística que só beneficia os grandes lobbies, sobre todo o norteamericano, e perpetúa os conflitos".

O deputado do BNG criticou que o Estado español destine miles de millóns de euros á compra de armamento mentres a crise social e económica segue castigando as clases populares. "É escandaloso que se fale de incrementar o gasto militar cando milleiros de persoas na Galiza e no Estado seguen tendo dificultades para chegar a fin de mes. Precísanse de máis recursos para subir as pensións ou para reforzar a sanidade pública e non para satisfacer as exixencias da OTAN, dos EUA e os intereses da súa industria armamentística" asevera Néstor Rego.

Neste sentido, Rego sinala que aumentar o gasto militar “só contribuirá a escalar, máis aínda, os diferentes conflitos existentes a día de hoxe” e suporá “unha grave ameaza para a cidadanía”. A organización nacionalista demanda ao Presidente do Goberno abandonar esta senda militarista e adoptar un cambio de rumbo na política internacional.

Alternativas para unha política de paz e cooperación

O BNG defende unha política exterior alternativa que teña como eixos a cooperación entre pobos, o reforzo do multilateralismo e o impulso de medidas de desarmamento. "A UE está converténdose nun actor belicista, seguindo as directrices da OTAN, no canto de apostar por unha política internacional baseada no diálogo e no respecto á soberanía dos pobos” incide Rego.

Neste sentido, Néstor Rego aproveitou a reunión co Presidente do Goberno para instalo a reconsiderar a súa postura e a apostar por unha política internacional que promova a paz en lugar de contribuír á militarización do continente. "Non imos ser cómplices desta lóxica da guerra. Desde a Galiza, demandamos unha política exterior baseada na paz, na cooperación e no respecto á soberanía dos pobos" sinala.

“O BNG reitera o seu compromiso cun mundo máis xusto e solidario e opoñémonos con firmeza a calquera medida que supoña un paso máis cara á militarización da sociedade. Reivindicamos que os recursos públicos deben empregarse para mellorar a vida da cidadanía, non para alimentar conflitos que só benefician ás grandes potencias e ás empresas de armamento” finda o deputado do BNG.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG