Rego reclama ao Goberno do Estado investir na mellora da rede de abastecemento de auga da área de Vigo

Néstor Rego
Néstor Rego

BNG rexeita o estudo presentado polo MITECO que propón un encoro e o transvasamento da conca do Verdugo-Oitavén

A organización nacionalista defende a coordinación e colaboración de todas as administracións afectadas para buscar a mellor solución e a posta en marcha dun Plan comarcal de xestión eficiente da auga.

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, vén de rexistrar iniciativas na cámara baixa para demandar ao Goberno do Estado que descarte o polémico transvasamento do río Verdugo na súa confluencia co río Oitavén e reclama unha escoita activa para coñecer a posición da veciñanza e as administracións locais afectadas. A organización nacionalista reclama que o que se precisa é un maior investimento por parte do executivo estatal para a mellora da rede de abastecemento de auga da cidade de Vigo e a comarca para dar solución aos problemas de perdas que presenta este territorio.

O Secretario de Estado de Medio Ambiente trasladou ao Goberno galego a intención de levar a cabo o transvasamento do río Verdugo na confluencia co río Oitavén despois de facer público o “Estudo de alternativas e documento ambiental para a mellora da garantía de abastecemento na zona sur da provincia de Pontevedra” e recoñece que se contempla a realización de obras de grande envergadura. Neste sentido, a organización nacionalista reclama información sobre cales son esas obras e actuacións que o executivo pretende levar a cabo.

“O Bloque Nacionalista Galego da comarca de Vigo xa manifestou o seu rexeitamento á execución dun transvasamento ou á construción de novos encoros, ao mesmo tempo que puxo sobre a mesa alternativas viábeis a través da execución dun Plan de Xestión Eficiente da Auga” subliña o deputado do BNG no Congreso. Resgo destaca que “é evidente a necesidade de mellorar o abastecemento de auga á cidade de Vigo e o resto de concellos da comarca, pero sempre tendo en conta o impacto ambiental e a afectación ao ecosistema e á actividade económica”.

En opinión do deputado nacionalista, é necesario abrir un debate rigoroso que conte coa participación de todas as administracións afectadas sobre a xestión hidrográfica e o aproveitamento sustentábel dos recursos hídricos. “Deben descartarse alternativas de gran impacto ambiental e económico como a proposta dun transvasamento ou a construción dun novo encoro, apostando en cambio por mellorar a eficiencia dos sistemas de captación, almacenamento e abastecemento de auga, co que se conseguiría reducir sensibelmente as perdas de auga nas canalizacións que poden chegar a 30%” afirma Rego.

A proposta do transvasamento conta tamén coa posición contraria da Administración galega. “Nas épocas de seca, cando sería preciso transvasar a auga, ambos os dous ríos ven reducido o seu caudal polo que non se garante o volume de auga necesaria, nin sería posíbel ese transvasamento”. Mesmo o Goberno do Estado tamén valora negativamente esta posibilidade, pois admite que “é certo que unha captación na confluencia dos ríos Verdugo e Oitavén non representa por si mesma unha solución ao problema de abastecemento debido a que nos meses de estiaxe, o caudal circulante nese punto é moi reducido e chega a non ser superior ao caudal ecolóxico”.

Así, tanto a nivel social como político preocupa unha proposta que precisaría de obras de gran envergadura e que afectaría gravemente á economía e o medio ambiente da zona. De feito, o anuncio dun posíbel transvasamento “xerou unha forte oposición veciñal e convocáronse distintas mobilizacións e concentracións opoñéndose a este tipo de actuacións”. O propio Parlamento de Galiza aprobou unha Proposición Non de Lei que demanda ao Goberno que se descarte o transvasamento, entre outras cuestións. 

Desde o sector pesqueiro e marisqueiro tamén rexeitan este proxecto posto que causará un enorme impacto nas concas de ambos os ríos o que repercutirá de maneira negativa no ecosistema da Ría de Vigo. “O Verdugo e o Oitavén achegan un caudal continuo de auga doce á Ría e pódese descompensar a salinidade da enseada de San Simón” salienta Rego.

“A día de hoxe o Ministerio segue defendendo a viabilidade do estudo que propón un encoro e o transvasamento. No BNG consideramos pertinente que o Ministerio reflexione sobre este tipo de actuacións de gran impacto, que contan cun total rexeitamento social e político na Galiza, que non resolven nin garanten os posíbeis problemas de abastecemento no futuro nun marco de Cambio Climático para unha poboación de máis de medio millón de habitantes” subliña o deputado nacionalista.  

Para o BNG, resulta imprescindíbel que se remedie a falta de investimentos durante anos para a mellora da rede de abastecemento de auga e dar solución aos problemas de perdas que presenta, por parte de todas as administracións implicadas.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG