O Bloque Nacionalista Galego rexistrou no Parlamento unha batería de preguntas urxentes dirixidas á Consellería de Sanidade para exixir á Xunta que “cese na súa campaña de criminalización” das persoas que están en situación de incapacidade temporal e das profesionais que a prescriben. A formación nacionalista alerta dunha “inaceptable intromisión” no criterio clínico ao incorporar nos Acordos de Xestión para atención primaria un indicador que vincula o complemento retributivo de produtividade variable e a carreira profesional das facultativas ao cumprimento de “tempos estándar” de duración das baixas.
Montse Prado denunciou que o PP, “aliñado cos intereses da patronal”, leva anos “poñendo a alfombra vermella” aos intereses do capital e atacando os dereitos da clase traballadora. Prado cualificou de “auténtico despropósito” que a Xunta estableza obxectivos numéricos para a duración das IT, xa que “a indicación do inicio e da finalización dunha baixa son decisións estritamente clínicas, baseadas en criterios médicos e nas necesidades de cada paciente, non nun capricho nin nun tempo estándar”.
A nacionalista subliñou que a duración dunha incapacidade temporal depende de múltiples factores, como a patoloxía, a idade, os antecedentes ou as condicións do posto de traballo, e lembrou que Galiza é a segunda comunidade coa menor incidencia de baixas laborais (26,6 por cada 1.000 traballadores, fronte á media estatal de 36,21), o que desmonta “a falsa imaxe dun suposto absentismo xeneralizado”.
Montse Prado tamén criticou o reforzo da inspección sanitaria e o crecente papel das mutuas colaboradoras da Seguridade Social, que cualificou de “entidades privadas ao servizo da patronal con cartos públicos”. “Vostedes queren converter un instrumento para garantir a recuperación sanitaria nun problema de control social e nun problema económico, incluso chamando absentismo a quen está de baixa porque non ten que ir ao seu posto de traballo”, reprochou á secretaria xeral técnica da Consellería.
O BNG insta a Xunta a eliminar ese indicador retributivo e a apostar por contratar máis profesionais, reducir as listas de espera e mellorar as condicións laborais do persoal sanitario como vías efectivas para abordar a duración dos procesos de IT. Así mesmo, pide ao Goberno central que reverta o papel das mutuas na xestión das continxencias comúns, “garantindo que a decisión sobre a alta e a baixa recaia exclusivamente no sistema público de saúde con criterios clínicos”.