Ana Pontón propón reforzar a atención primaria e PACs no verán e manter operativos todos os recursos para non pechar camas e servizos

Ana Pontón encontro Plataforma Sanidade Moaña
Ana Pontón encontro Plataforma Sanidade Moaña

Pide a Rueda que cambie a propaganda por persoal e investimento, empezando por recuperar os 1.640 M€ recortados na atención primaria

Aposta por poñer en marcha un plan de captación de profesionais con condicións dignas que acabe coa precariedade na sanidade pública 

A portavoz nacional, Ana Pontón, propuxo desde Moaña reforzar a sanidade pública, tanto os servizos ordinarios de atención primaria como os PACs durante o verán, sobre todo nas zonas turísticas, onde a poboación se multiplica coa chegada da época estival.

Fronte a un Goberno do PP que fai xusto o contrario, “pechar camas e recortar servizos”, Pontón defendeu a urxencia de reforzar a atención sanitaria e apostou por “manter operativos todos os servizos, tanto de camas como de probas diagnósticas”.

“O que ten que facer a Xunta é contratar máis persoal e no pechar camas e servizos como está facendo neste momento porque xa temos unhas listas de espera moi avultadas e o que fan, verán tras verán, é incrementalas”, denunciou.

Ana Pontón encontro Plataforma Sanidade Moaña
Ana Pontón encontro Plataforma Sanidade Moaña

A líder nacionalista apostou tamén por poñer en marcha un plan de captación de profesionais con condicións dignas que acabe coa precariedade no ámbito sanitario, unha medida que, subliñou, permitiría que se recuperaran moitos servizos perdidos.

“O que necesita a nosa atención primaria non son anuncios e propaganda, o que necesita son máis profesionais, máis médicos e médicas, máis persoal de enfermería, máis pediatras, e iso é o que ten que facer o Partido Popular”, reclamou.

Neste sentido, tamén urxiu o incremento dos recursos destinados ao sistema sanitario público, a comezar por recuperar os 1.640 millóns de euros que o PP “recortou na atención primaria nestes 17 anos de goberno”, recalcou logo de manter xunto á alcaldesa de Moaña, Leticia Santos, un encontro coa Plataforma da Sanidade desta localidade.

Pontón cualificou de “insólita” a situación que se está a vivir en Moaña, onde entra en funcionamento un novo centro de saúde sen que se restableza o PAC que o concello tiña antes da pandemia, o que demostra como o Goberno do PP está debilitando a sanidade pública, na vez de reforzala.

“Pídolle ao señor Rueda que non responda nin con mentiras, nin con prepotencia, ante a dignidade que está demostrando a veciñanza de Moaña que leva 240 semanas reclamando que se devolvan as urxencias”, reclamou ao titular da Xunta, ao que demandou que “deixe de enganar á veciñanza porque ter unha ambulancia non significa ter un PAC”.

“Se o señor Rueda e o Partido Popular pensan que imos tirar a toalla, equivócanse; imos seguir defendendo o PAC de Moaña nas rúas e tamén nas institucións”, subliñou, para avanzar a continuación que o BNG vai levar este tema ao Pleno do Parlamento desta semana.

Pontón incidiu en que o Bloque non vai parar até que “os veciños e veciñas de Moaña teñan o que lles corresponde, un PAC que lles permita ter unha atención o máis próxima posible, máis tendo en conta que se trata dun concello con moita poboación que ademais se ve multiplicada durante o verán. “Esta é unha cuestión de xustiza que desde o BNG imos acompañar”, sintetizou.

A líder nacionalista advertiu que este non é só un problema de Moaña, senón que se estende a outros puntos do País e denunciou que o que está pasando na sanidade pública “responde ao deseño e á ideoloxía” dun PP que “leva anos recortando na pública para beneficiar á privada” porque así é concibe a saúde, “como un negocio para uns poucos”.

“Desde o BNG imos seguir defendendo a sanidade pública e non imos permitir ao Partido Popular que xogue co máis importante, que é a saúde dos galegos e das galegas”, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG