Pontón propón crear un “SERGAS dos servizos sociais” para atender de xeito integral e eficiente ás persoas dependentes

Encontro dependencia
Encontro dependencia

“Hai que dar un xiro de 180º e colocar a dependencia ao mesmo nivel que outros servizos públicos esenciais como a saúde ou a educación”, alega

No inmediato, urxe á Xunta a duplicar os equipos de valoración e aumentar de 12 a 20 € o financiamento do SAF para descolapsar o servizo  

Avoga tamén por incrementar o financiamento da dependencia, as prazas públicas de residencias e os recursos para o persoal de tramitación

A portavoz nacional, Ana Pontón, propuxo a creación dun “Sergas dos servizos sociais”, “un Sergas dos coidados” que permita atender de xeito integral e eficiente ás persoas dependentes e que facilite “facelo con estándares do século XXI”.

“Hai que dar un xiro de 180 grados e colocar a atención á dependencia ao mesmo nivel que outros servizos públicos esenciais como a educación ou a sanidade”, defendeu Pontón, logo de criticar o modelo actual do Goberno do PP que presta unha atención escasa e fragmentada e que funciona co mesmo esquema de hai décadas: “precarizado e insuficiente”, sintetizou.

A portavoz nacional avanzou esta proposta despois do encontro que mantivo, xunto á portavoz parlamentaria de Política Social, Olalla Rodil, con profesionais do traballo social, terapeutas ocupacionais, traballadoras de residencias, representantes dos concellos do BNG na Fegamp e familiares e persoas usuarias, cos que analizou a situación da dependencia que presenta unha conclusión dramática.

“O servizo está colapsado e vemos como o Goberno do Partido Popular está vulnerando os dereitos das persoas maiores porque non están recibindo a atención á que teñen dereito por lei”, advertiu a portavoz do Bloque, quen evidenciou con datos a situación que sofren as persoas maiores e dependentes e as súas familias.

Listas de espera de valoración de máis dun ano, o que duplica o límite legal e impide a miles de persoas acceder ás axudas da dependencia; 1.500 persoas co dereito xa recoñecido esperando a ter praza nunha residencia; un Servizo de Atención no Fogar (SAF) totalmente saturado, no que hai que agardar a que outra persoa usuaria faleza para ter praza e que o Executivo do PP mantén infrafinanciado; ou o terrible feito de que, entre 2017 e 2023, faleceran dúas persoas ao día agardando pola dependencia, en total, 6.500 persoas falecidas, algo que Pontón cualificou de “inadmisible”.

“Faltan recursos, falta persoal, faltan medios e, sobre todo, falta vontade política real de ter un modelo de dependencia público integral que atenda ás persoas”, concluíu a líder nacionalista, quen atribuíu o dramático estado no que se atopa a atención á dependencia á “ideoloxía dun Partido Popular cuxo modelo consiste en privatizar e descargar os coidados nas familias, sobre todo nas mulleres, que son as que os asumen maioritariamente”.

Neste contexto, o goberno alternativo do BNG aposta por “darlle a volta á situación” articulando un modelo de dependencia que “prime ás persoas fronte ao negocio” e que garante o dereito a unha vellez digna, o que segundo recalcou Pontón, “non se logra con parches, nin con propaganda, senón cun modelo público de coidados que blinde o servizo de dependencia”.

Pasar os dereitos do papel á realidade

“Que os dereitos pasen do papel á realidade”, sintetizou, para defender a proposta do Bloque de crear un Sergas dos servizos sociais que permita desenvolver un modelo integrado e público dos coidados, “unha rede para atender a dependencia con servizos conectados e complementarios que se presten dende o público”, afondou, en contraposición ao modelo do Executivo de Alfonso Rueda, que o único que ofrece é un cheque de 400 euros ao mes para que persoas usuarias e familias “se busquen a vida”.

Así pois, a portavoz nacional avanzou que o goberno alternativo do BNG vai comezar a traballar no deseño dun Sergas dos servizos sociais, tomando como punto de partida o Consorcio Galego de Igualdade e Benestar, da man da sociedade galega e en colaboración cos axentes do sector dos coidados, as familias e persoas usuarias e os concellos, se ben apuntou que un “cambio de modelo” coma este non se fai dun día para outro, polo que apuntou unha batería de medidas urxentes para desconxestionar o sistema.

A comezar, por duplicar o persoal dos equipos de valoración da dependencia para acabar coas listas de espera nos procesos de tramitación. Máis recursos fronte ás graves insinuacións do PP que acusa a estas e estes profesionais de non facer o seu traballo e de ser os culpables da situación de colapso. “Temos uns equipos de valoración que están nunha situación límite e o que se necesitan son máis recursos, que é o que non está facendo dunha maneira axeitada o Goberno do Partido Popular”, advertiu en defensa dos e das traballadoras sociais que integran estes equipos.    

En segundo lugar, Pontón defendeu a necesidade de aumentar o financiamento do SAF de 12 a 20 euros hora, para intentar descolapsar un servizo que considerou “esencial” para as familias e para que as persoas maiores estean o máximo tempo posible nos seus fogares ben atendidos.

Garantir formación e recursos suficientes ao persoal de tramitación da dependencia, e agora tamén da discapacidade, é a terceira proposta do Bloque para abordar os cambios introducidos de maneira unilateral polo Executivo do PP na última reforma.

En cuarto lugar, a líder nacionalista avogou por aumentar o financiamento da atención á dependencia, tanto por parte do Estado como por parte da Xunta, para garantir o bo funcionamento do servizo. Nesta liña, recordou que se pasou de quitarlle fondos á dependencia, como fixo o Goberno de Mariano Rajoy, a incrementar nun 113% os recursos que achega o Estado a día de hoxe, en cumprimento do acordo de investidura asinado polo BNG, se ben considerou que esta aportación segue sendo insuficiente e cómpre aumentar os recursos.

Por último, urxiu á Xunta a incrementar as prazas públicas tanto de residencias como de centros de día e a elaborar o Mapa de Servizos Sociais previsto na lei desde 2008, pero que o PP mantén aparcado, pese a ser un instrumento fundamental para adecuar os servizos ás necesidades da poboación actual.  

“En definitiva, estamos poñendo sobre a mesa medidas concretas e realizables para mellorar a atención á dependencia, pero ao mesmo tempo somos conscientes de que hai que ir a un cambio de modelo para que esa pata do Estado do Benestar que hoxe coxea, teña forza e garante que os coidados van estar ben atendidos e que van ser un servizo público máis”, concluíu.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG