Pontón esixe a Rueda que pare a "presión" ao persoal sanitario para reducir as baixas laborais

Ana Pontón
Ana Pontón
Exixe a Rueda melloras en sanidade e o fin da presión ao persoal sanitario

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, instou hoxe ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, a centrar os seus esforzos en mellorar o sistema sanitario público en lugar de "presionar" aos profesionais sanitarios e "perseguir" os dereitos da clase traballadora.

Durante a súa intervención, Pontón acusou ao Partido Popular de manter unha deriva "ultra" que busca recortar dereitos fundamentais, como o dereito ao descanso e á recuperación cando existe unha enfermidade. A líder nacionalista cualificou de "intromisión intolerable" a presión que o Goberno galego está a exercer sobre os médicos e médicas para que non concedan as baixas que consideren necesarias.

Galiza, á cola en número de baixas

Pontón quixo desmontar coas cifras oficiais a campaña posta en marcha pola Xunta, acusando a Rueda de "ocultar datos" de forma deliberada. "Galiza é a segunda comunidade que menos baixas laborais ten por cada 1.000 habitantes", recalcou a portavoz, quen se preguntou cal é o obxectivo real desta campaña baseada, segundo as súas palabras, en "mentiras".

O colapso sanitario como causa da duración das baixas

Para o BNG, o problema non é o número de persoas que enferman, senón o tempo que tardan en recuperarse debido ao deterioro da sanidade pública tras anos de recortes e privatizacións.

"Se o señor Rueda quer reducir o tempo das baixas, o que ten que facer é mellorar a sanidade", afirmou Pontón. Como exemplos da precariedade actual, citou:

O colapso total no servizo de traumatoloxía.

A grave carencia de saúde mental, con apenas 21 psicólogos para atender a máis de 400 centros de saúde en toda Galiza.

A formación nacionalista concluíu esixindo un xiro na política do PP para que se priorice o reforzo de persoal e recursos nos centros de saúde e hospitais, garantindo que os pacientes reciban o tratamento que necesitan sen esperas que prolonguen innecesariamente a súa incapacidade laboral.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG