Pontón compara o "abuso" da Lei de estradas coa estafa das preferentes

A deputada do BNG aproveitou a súa intervención no debate da Lei para defender aos afectados/as polas participacións preferentes e insistiu na covardía de Feijoo por non comparecer e “dar a cara” ante un problema que afecta a miles de familias galegas

No debate de totalidade do Proxecto de Lei de estradas de Galiza, celebrado hoxe no Parlamento galego e despois de rexeitar o Partido popular, ao inicio da sesión plenaria, a comparecencia do Presidente da Xunta para explicar o conflito das participacións preferentes, a deputada do BNG, Ana Pontón aproveitou a súa intervención no debate da lei para reiterar que Feijóo debe deixar de practicar o escapismo e “dar a cara” para explicar que medidas vai poñer en marcha o Goberno galego ao fin de resolver un problema que afecta a miles de familias galegas “estafadas” polos bancos.

Pilar Rojo chama a orde á deputada do BNG

Durante a intervención da nacionalista, a presidenta da Mesa do Parlamento, Pilar Rojo ameazou en varias ocasión de “retirarlle a palabra” ao que Pontón respondeu que debater sobre o proxecto de lei de estradas resultaba “unha cuestión menor” fronte “o drama” que están a vivir miles de afectados por un produto financeiro tóxico ao que agora lle aplicarán unha quita.

O PP, dixo, é “cómplice desta fraude” e amosa un gran cinismo ao votar a favor da devolución do cen por cen “dos aforros dos galegos e galegas” e aprobar “ao día seguinte unha quita” en Madrid.

Pilar Rojo volveu chamar a orde á deputada nacionalista que continuou a súa intervención afirmando que resulta “intolerable” poñerse ao lado dos estafadores como fai o Partido popular que ademais “paralizou a investigación da comisión parlamentaria das caixas de aforro”.

Para a parlamentaria, o PP segue “ríndose” da xente e Feijóo escondéndose detrás das grileiras da policía, en alusión ao amplo despregue policial destacado nas inmediacións do Parlamento galego para impedir as protestas dos afectados e afectadas polas participacións preferentes, con esta actitude, dixo, o PP pretende “pechar a billa das institucións democráticas para que non saia a verdade”.

Lei de estradas para privatizar as vías galegas

Na quenda de resposta ao conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, a nacionalista advertiu que a nova lei consolida “un modelo que privatiza as infraestruturas” e leu varios artigos da propia Lei que abren a porta a establecer taxas pola utilización da calquera vía en Galiza.

Neste sentido, cualificou de “novo saqueo ao pobo” que hai que sumar a estafa das participacións preferentes. Esta lei, “parécenos un abuso” concluíu.

 

 

 

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG