Parlamento Galego

Pontón acusa a Rueda de afogar o SAF recortándolle 17 millóns de euros en só dous meses

Ana Pontón
Ana Pontón
Propón aumentar o financiamento do servizo, protocolos de protección para as traballadoras e renovar o convenio caducado desde hai 13 anos

A portavoz nacional, Ana Pontón, acusou ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, de afogar o Servizo de Axuda no Fogar (SAF) recortándolle este ano 17 millóns de euros en só dous meses, na vez de aumentar o financiamento dun servizo que continúa colapsado.

“O SAF colapsado e o que fai o PP é recortar fondos”, criticou na sesión de control a titular do Executivo, a quen reprochou que o PP votase até en tres ocasións no que vai de lexislatura en contra das propostas do BNG para aumentar o financiamento do servizo.

Un incremento orzamentario que non só permitiría mellorar a prestación do SAF, senón tamén as condicións laborais das súas traballadoras que, advertiu, “están facendo un traballo moi duro en condicións precarias”. “Deixe de dicirlle ‘non’ ás traballadoras do SAF, señor Rueda”, reclamou.

“Sabe canto cobran estas mulleres que teñen que facer un traballo moi complexo, desde cambiar cueiros a erguer co seu lombo a moitas persoas poñendo en risco a súa saúde?”, cuestionou ao titular da Xunta, para recordarlle a continuación que “a maioría non chega nin ao salario mínimo interprofesional”.   

Ante esta “dura realidade das traballadoras do SAF”, Pontón criticou ao Goberno do PP que non só “non faga nada” senón que, ao contrario, as desprotexa, permitindo que 12.000 mulleres “teñan que traballar en condicións de precariedade” e “cun convenio que leva 13 anos caducado”. “E vostedes, sen mover un dedo a pesar de que se trata dun servizo público”, afeou aos populares.

A líder nacionalista denunciou que o Executivo tampouco tomara “nin unha soa medida” para protexer ás traballadoras do SAF, despois do asasinato de Teresa de Jesús, a auxiliar asasinada a machetazos o pasado 29 de xullo no Porriño mentres realizaba o seu traballo nun domicilio.

“Teresa tiña 45 anos e foi asasinada mentres prestaba un servizo público e 56 días días despois, o seu Goberno non ten tomado nin unha soa medida, nin unha, para protexer as traballadoras do SAF”, criticou a Rueda, a quen lembrou que se trata de mulleres que “denuncian que en moitas ocasións teñen que sufrir discriminacións, acosos e violencia”.

Neste contexto, recriminou ao presidente da Xunta que a súa resposta sexa recortar 17 millóns de euros ao servizo en só dous meses. “Esta é a resposta que vostede lle dá ás traballadoras do SAF que tiveron que ver como unha das súas compañeiras era asasinada brutalmente este verán”, recriminou para pedirlle medidas porque “esta situación ten que cambiar”.

Pontón reprochou a Rueda que logo do asasinato de Teresa de Jesús, “non acudise nin un só cargo directivo do seu goberno” á reunión convocada pola Fegamp para impulsar actuacións que permitiran protexer ás traballadoras. “E ven vostede aquí a fardar de que?”, cuestionou ao titular do Executivo, a quen lle recordou que a responsabilidade da Xunta “é actuar”, xa que ten a titularidade do servizo.

Neste sentido, puxo sobre a mesa as propostas do BNG, a comezar por aprobar con urxencia un protocolo que protexa ás mulleres que traballan no SAF para que, no caso de denuncia por acoso, discriminación ou violencia, se suspenda de inmediato o servizo.

En segundo lugar, instou a Rueda a facer valer o papel da Xunta para reclamarlle ás empresas que se senten a negociar un novo convenio colectivo, xa que “é unha vergoña” que empresas que están cobrando do erario público se neguen a negociar “cando teñen a estas traballadoras nunhas condicións precarias”.

E, por último, pediu ao titular do Executivo que “faga o seu traballo” e “deixe de ter asfixiados aos concellos co SAF”, dado que están pagando “unha parte moi importante deste servizo”, para o que lle reclamou que incremente dunha vez por todas o financiamento a 20 euros a hora.

“A prestación deste servizo custa 24 euros de media e a Xunta está poñendo só 12 deses euros, o que quere dicir que concellos que non teñen capacidade para manter o SAF”, afondou, logo de recordarlle a Rueda que insultala na sesión de control, que pretende converter sistematicamente “nunha lameira” demostrando “a súa falta de nivel político”, non vai solucionar os problemas das traballadoras do servizo. “Polo tanto, menos insultos e máis gobernar, e respecte ás mulleres que traballan no SAF”, concluíu.  

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG