Pola a plena despatoloxización da transexualidade

LGBTI. Foto: unsplash.com
LGBTI. Foto: unsplash.com

26 anos despois de a OMS recoñecer por fin a despatoloxización da homosexualidade ao retirala da súa clasificación médica (ICD-10) publicada en 1992, este pasado luns (18/06/2018) tamén finalmente tomou un paso na dirección correcta ao eliminar a o que denomina a "incongruencia de xénero" (nomenclatura pseudocientífica que demostra a resistencia a incluír o trans como unha realidade máis) como “doenza mental” na proposta de nova clasificación (ICD-11), pendente de aprobación na asemblea xeral o ano que vén.

No entanto, non hai que deixarse enganar. Se ben se trata dun xesto que apunta na boa dirección froita da ardua loita do colectivo LGBT e en especial o colectivo trans, non deixa de ser un avance superficial que dista moi de ser suficiente, porque a OMS –pola razón que for– segue a manter a transexualidade dentro do capítulo dedicado ás ‘disfuncións sexuais’. Non é máis, no fundo, que un lavado de cara totalmente inaceptábel, pois mantén a transexualidade como trastorno, aínda que sexa de categoría diferente que constitúe unha nova forma de estigmatizar as persoas trans.

Desde o seu compromiso de traballar en estreita colaboración colectivo trans e as organizacións LGBT, o BNG segue a exixir a plena despatoloxización da transexualidade e a aprobación da Lei integral trans galega fronte ao boicot que exerceu o Partido Popular, para construírmos unha Galiza segura e libre para tod@s.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG