Miranda leva as preferentes ao Europarlamento

O BNG solicitará á Comisión Europea que, como Executivo da Unión Europea, ditamine se o proceso de compravenda de participacións preferentes cumpriu a normativa comunitaria en materia de produtos financeiros ou se estamos ante un caso de vulneración das normas en vigor en todos os Estado membros.

Na reunión celebrada en Vigo con representantes das plataformas de afectados de toda Galiza, coa eurodeputada Ana Miranda, o deputado Henrique Viéitez e o portavoz municipal do BNG no Concello de Vigo, Santiago Domínguez, o BNG indicou que a iniciativa parlamentar que presenta na Eurocámara tamén demanda á Comisión Europea que concrete as medidas a adoptar para garantir que os afectados, - arredor 100.000 en toda Galiza, 43.000 só no caso de NovaGalicia Banco-, recuperen a totalidade dos seus aforros.

É inadmisíbel que a Xunta defenda a arbitraxe, porque esa fórmula non supón a restitución de todos os cartos retidos no corralito

Neste sentido, o BNG cualificou de “inadmisíbel” que o Goberno da Xunta se dirixa á Comisión Europea, a través do conselleiro de Industria, a propoñer unha fórmula,-a da arbitraxe-, que non implica a devolución total dos depósitos. “É impropio dun Goberno ir a Bruxelas a defender unha fórmula que non defende os intereses dos galegos e galegas afectados senón das entidades financeiras”, denunciou Miranda, que pregunta ao Executivo da Xunta que aclare en que consiste esa arbitraxe. “Espero que non consista en que os afectados renuncien a parte dos seus cartos ou que os canxeen por outros produtos financeiros de dubidosa rendabilidade”, alertou Miranda.

Interpelación parlamentar

Dentro da interpelación parlamentar que o BNG dirixe á Comisión Europea, solicita que se pronuncie sobre o feito de que NovaGalicia Banco reciba millóns de euros públicos a través do FROB sen que, por contra, se esixa como contrapartida garantías para os depositarios. “O único que xustifica que rescatemos bancos e caixas con recursos públicos é garantir os aforros dos clientes desas entidades. Se iso no se garante, como está a pasar no caso das participacións preferentes, para que rescatamos entidades financeiras con recursos públicos?”, perguntouse Miranda.

A iniciativa do BNG no Parlamento Europeo tamén interpela á Comisión Europea para que explique a súa posición como Executivo comunitario ante o feito de que un Estado membro, como España, anuncie o rescate dunha entidade como Bankia, cun desembolso de recursos públicos cifrado en 23.500 millóns de euros, mentres é incapaz de dar unha solución política para os afectados pola compravenda das participacións preferentes.

Miranda acusa á Xunta, ao Banco de España e á CNMM de "deixación de funcións"

O BNG considera que tanto a Xunta, así como os organismos de control, -Banco de España e Comisión Nacional do Mercado de Valores-, fixeron “deixación de funcións” no caso da compravenda de participacións preferentes. “Nin foron quen de garantir que os aforradores tivesen a información necesaria e con transparencia para non ser enganados”, denunciou Viétez.

Neste, sentido, o BNG transmitiu ás plataformas dos afectados que seguirá coa súa ofensiva política en todas as institucións que sexan necesarias para acadar unha solución política para que os aforradores recuperen os seus depósitos.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG