Guillerme: "O decreto das preferentes é un decreto de expropiación dos depósitos dos aforradores"

En política sempre hai que optar e no caso das vítimas das preferentes hai que facelo entre os estafadores ou os estafados. "Feijóo e o PP toman partido polos estafadores. O BNG, polos estafados", afirmou esta mañá en conferencia de imprensa o portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, após a reunión da Executiva Nacional. Guillerme cualificou o decreto Rajoy sobre as preferentes de "decreto de expropriación" dos depósitos dos aforradores.

Feijóo debería estar a presionar politicamente para que o Goberno do Estado resolvese este asunto de forma que se restituíse a totalidade dos depósitos aos pequenos aforradores afectados por esta sorte de corralito galego. En Galiza hai perto de 100.000 afectados e afectadas que poderían sofrer unha quita que algunhas estimacións sitúan no 70 por cento do seus aforros.

O portavoz nacional denuncia que o PP volta a facer da mentira o eixo da súa campaña

"O decreto sobre as preferentes é un decreto de expropriación dos depósitos dos aforradores", denunciou Guillerme. "Estamos máis unha vez ante o principio de saquear o pobo para salvar a banca", afirmou o portavoz nacional, quen denunciou que Feijóo non sexa quen de garantir o voto negativo dos deputados galegos do PP a este decreto de expropriación.

A respeito das críticas deitadas polo PP neste asunto (os conservadores afirman que a maior parte das preferentes foron suscritas antes da chegada de Feijóo ao goberno), Guillerme puxo sobre a mesa o dado de que as preferentes foron reguladas por unha lei do último goberno Aznar. Esa lei non contemplou ningún tipo de mecanismo que garantise os dereitos das persoas que agora serán expropriadas tamén por una norma, neste caso un decreto, ditada por un goberno do PP.

No tema das preferentes vese con clareza o dilema que terán que resolver as galegas e os galegos o 21-O. Ou apostan por unha formación política que está do lado dos poderosos ou apostan polas alternativas que defende o BNG, a favor das maiorías sociais e dos dereitos de Galiza ao seu autogoberno.

A campaña da mentira

Guillerme referiuse tamén ás declaracións realizadas esta fin de semana en Soutomaior por Mariano Rajoy.

"O PP volta a facer da mentira o eixo da súa campaña", dixo o portavoz nacional, quen negou todo crédito ao anuncio feito por Rajoy de que o AVE se concluirá en 2018.

Ten tanto crédito, veu dicer, este anuncio como o Pacto do Obradoiro asinado por Feijóo en 2009 e no que se colocaba 2015 como data de finalización das obras.

"As declaracións de Rajoy son un insulto á intelixencia", dixo Guillerme, quen lembrou que os sucesivos gobernos do Estado foron incapaces de concluír en 12 anos os 150 quilómetros ferroviarios do Eixo Atlántico. De feito a súa intención é a de suprimir o tramo Ferrol-A Coruña, reprobou.

O prezo do leite galego

Tamén se referiu o portavoz nacional á situación do sector lácteo e denunciou que os prezos do leite sexan hoxe os máis baixos do Estado, algo do que responsabilizou á nefasta xestión do Goberno Feijóo.

"O sector lácteo galego só ten un problema: carece de calquer apoio político por parte dos gobernos estatal e galego", dixo.

Guillerme amosou aos xornalistas unha páxina de publicidade dun rotativo francés, Le Journal du Dimanche, en que unha marca comercial anuncia aos seus consumidores que paga a 0,43 céntimos o litro de leite aos produtores lácteos. "Como explica o señor Feijóo que se pague en Franza a 0,43 céntimos e aquí en Galiza se pague a 0,28 ou daí para abaixo", inqueriu o portavoz nacional.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG