Davila tilda de "lavado de cara" o acordo PP-PSOE sobre preferentes

A portavoz do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, presentou unha proposición non de lei na Cámara Baixa que insta ao Goberno a aprobar un mecanismo que garanta no primeiro trimestre de 2013 a devolución íntegra dos aforros ás persoas estafadas pola comercialización de participacións preferentes.

Ademáis, a deputada do BNG pide que se deixen en suspenso as faculdades do FROB estabelecidas no Real Decreto Lei 24/2012 que “pode supór a asunción de perdas por parte dos aforradores que sexan titulares de participacións preferentes”.

“Venden fume”

A deputada do BNG lembra que o pasado 28 de xaneiro o PSOE e o PP anunciaban un acordo sobre as preferentes. Un acordo, di, que parte da creación dunha comisión de seguimento que decida o perfil de cliente que poida ir á arbitraxe para recuperar o 100%. Máis, subliña Davila, “a Comisión que propoñen PP e PSOE só tería un papel informativo e consultivo”.

E critica que os dous partidos maioritarios estabelecesen que para se poder acoller a unha arbitraxe ou a un proceso xudicial, os afectados deberán demostrar que houbo engano na comercialización destes productos. “A exixencia dun perfil pode levar á exclusión de miles de persoas estafadas”.

Asemade, a deputada do BNG censura a elección da presidenta da CNMV, Elvira Rodríguez, para dirixir dita Comisión. Ademáis, recalca, o regulador de valores, CNMV, xa dixo no seu día en relación á comercialización de preferentes, que “na maioría dos casos, as entidades colocaron de maneira correcta estes productos”.

Davila considera que o acordo entre PP e PSOE “é só un lavado de cara que terá o efecto pernicioso de confundir aos afectados, e que para nada implica unha solución ao engano das preferentes. Sen esquecer que a marxe de manobra da Comisión é irrisoria”. Nese sentido, lembra que tanto a UE como o Goberno estabeleceron unhas quitas que deben asumir os tenedores de preferentes da banca nacionalizada. Contempláronse unhas perdas do 40% para os tenedores de preferentes da banca nacionalizada, entre as que están Bankia, Novagalicia e Catalunya Caixa.

Para a parlamentar nacionalista o Real Decreto Lei 24/2012, de 31 de agosto, supuxo a “legalización da estafa das preferentes, a pesar de que as vítimas foron pequenos aforradores”. Para o BNG a “única solución posíbel pasa pola recuperación do 100% dos aforros investidos en preferentes”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG